Thursday 21 de November de 2024

Ferreira de arriba honra esta fin de semana a San Cristovo


Nova fin de semana de festas en San Sadurniño

As festas non paran. Despois dunha multitudinaria Santa Isabel e un fantástico Río Castro, San Sadurniño encadea unha nova fin de semana trouleira, desta vez en Ferreira de arriba. Alí celebrarase o San Cristovo, unha das festas con máis raíz do municipio e unha das poucas que nunca, ou case nunca, queda por facer. Despois de varios anos cun só día -e trala interrupción pandémica- desde 2023 as honras ao santo recuperaron o seu xeito de sempre, con dous días de romaría que convida a ir de merendada. Ademais seica vai vir bo tempo.

Así, este sábado 13 de xullo celebrarase misa na capela a iso das 13:30h, seguida dunha sesión vermú animada pola orquestra Antha. A verbena da noite contará tanto con esta formación como coa televisiva cantante Tania Veiras.

Por certo, para este día, a AVV Adiante de Igrexafeita está organizando o seu tradicional xantar campestre do San Cristovo que ten aberto ata hoxe o prazo de reservas no 696 912 975 ou no 628 121 820. Levarán de comer empanada, ensaladilla, xamón escaldado con chourizos e sobremesa, sempre e cando se xunte un grupo mínimo para ir de merendada a Ferreira, claro.

O domingo 14 os actos relixiosos están postos para as 13:30h e, unha vez rematen, comezará unha función co grupo Master. A comisión volve optar este ano por unha sesión vermú longa e e por suprimir a verbena da noite, seguindo así unha moda iniciada hai uns anos que hoxe está totalmente asentada nas celebracións patronais do rural galego.

Nuns días, xantar do Biscordel e Santa Mariña en Naraío
A celebración do San Cristovo en Ferreira daralle paso a unha fin de semana de paréntese antes das dúas citas das que temos constancia para finais de mes.

A primeira é o sábado 27 de xullo na pista polideportiva da Torre, en Igrexafeita, onde a comisión de Festas do Biscordel 2024 organiza un xantar popular a prol da celebración de mediados de setembro. Servirán un menú a base de polbo, costela asada, sobremesa, café e licores ao prezo de 30€ as persoas adultas, 15€ a rapazada de 7 a 12 anos e gratis as nenas e nenos menores de 7 anos. Ademais de xantar tamén haberá animación musical -na sesión vermú e ao longo da tarde- con ELI.

Os tíckets estarán dispoñibles até o 25 de xullo na Parrillada María Queira, no Bar Ferreira, no Bar Vales (As Pontes) e na sección de crédito da Cooperativa de Meirás en Naraío.

Ao día seguinte, o domingo 28 de xullo, a comisión de festas de Naraío volverá honrar a Santa Mariña na capela situada no lugar da Fraguela. Será cunha misa ás 12:30h seguida da actuación dun grupo de gaitas.