Thursday 21 de November de 2024

Neda licita a demandada substitución de varandas de protección das beirarrúas do Poulo, en Xuvia


O Concello licita o primeiro dos proxectos do POS + 2024. Trátase da obra de instalación de barreiras de protección peonil nas marxes exteriores das beirarrúas existentes entre as zonas do Portazgo e o Poulo, en Xuvia. As varandas existentes neses puntos da estrada AC-862 atópanse moi deterioradas polo paso do tempo e a oxidación, e mesmo faltan nalgún tramo, co conseguinte risco de caída cara ás fincas que as bordean.
Segundo o comprometido polo goberno local, renovaranse a totalidade das varandas que se atopan en mal estado e recuperaranse tramos xa desaparecidos, dando así resposta á demanda veciñal.
A administración local licita por 55.425 esta obra, que afectará a cinco treitos da estrada nos que vivendas e fincas están moi por debaixo da cota da vía pública. Colocaranse en total 119 metros de novas varandas.
A intervención, que sae a licitación, inclúe a desmontaxe, fabricación e colocación dunhas barreiras novas, “con aspecto análogo ao actual, resoltas en aceiro co axeitado tratamento” que garanta que sexan durables.
As firmas interesadas en facerse con este contrato teñen de prazo ata o 24 de xullo para presentar as súas ofertas. A actuación contribuirá, sen dúbida, a reforzar a seguridade dos viandantes, evitando o risco de caída sobre as fincas de particulares, e a mellorar a imaxe desta contorna urbana.