O BNG de Culleredo solicitou a pasada semana a convocatoria urxente e extraordinaria da Comisión de Presidencia.
Cómpre aclarar nese órgano os impagos de axudas e subvencións ás entidades deportivas, sociais e culturais, como os denunciados polo Clube Balonmán Culleredo.
O Alcalde, presidente da Comisión, segue sen convocala, incumprindo o propio Regulamento Orgánico Municipal.
O BNG de Culleredo vén de reclamar novamente a convocatoria urxente e extraordinaria da Comisión de Presidencia. Tanto os representantes do BNG neste órgano como o de Alternativa dos Veciños, presentaron esta solicitude o pasado martes 2 de xullo, sen que nesta última semana o Sr. Rioboo teña realizado a convocatoria, incumprindo así o Regulamento Orgánico Municipal.
Cómpre convocar a Comisión de Presidencia para aclarar os motivos dos impagos das cantidades adebedadas ao Clube Balonmán Culleredo e para contar con toda a información que permita presentar propostas para a solución desta grave situación, que foi denunciada pola entidade deportiva hai máis dunha semana. Mais, en lugar de escoller o camiño da transparencia, o goberno municipal prefiriu optar polo confrontamento a través dun comunicado cheo de acusacións.
O BNG considera que a solución para esta situación é a transparencia e o diálogo. Por iso reclama ter acceso a toda a información referente ás cantidades adebedadas para procurar solucións urxentes. Mentres tanto, o goberno municipal vulnera os dereitos das concelleiras e concelleiros da Corporación Municipal, representantes de toda a veciñanza do noso concello, ao non convocar a sesión extraordinaria da Comisión de Presidencia solicitada segundo o recollido no Regulamento Orgánico Municipal.