O estudo incluirá a elaboración do Plan de Mobilidade urbana da cidade
O voceiro municipal, José Manuel Lage, explicou as principais características dun proceso que contará cun investimento de 500.000 euros para definir a futura oferta municipal de transporte
O voceiro municipal e concelleiro de Economía e Proxectos Estratéxicos, José Manuel Lage, anunciou esta mañá a aprobación do prego de prescricións técnicas para a elaboración do Estudo do Transporte Urbano da Coruña, que definirá o futuro do servizo municipal de autobuses. Unha vez adxudicado, os traballos de elaboración deste informe prolongaranse durante oito meses e contan cun orzamento de 498.854 euros.
“Este foi un dos compromisos de investidura que adquiriu a nosa alcaldesa, Inés Rey, o pasado ano e tamén se comprometeu hai un mes, no seu balance de xestión, a licitalo antes de rematar o 2024”, sinalou José Manuel Lage durante a súa intervención. O obxectivo deste estudo é definir “da maneira máis detallada posible” o modelo de transporte urbano do futuro da cidade, “a curto, medio e longo prazo”.
Para a elaboración deste traballo disporase de toda a información municipal relacionada coa mobilidade que está a disposición do Concello e doutras administracións que traballan no ámbito da cidade. Teranse en conta parámetros urbanos e de tráfico actuais, o desenvolvemento urbanístico presente e futuro e outras variables e servizos municipais como BiciCoruña e o seu impacto sobre o tráfico. “Este será un proceso aberto á cidadanía e ás súas achegas, que dará resposta ás necesidades actuais e futuras do servizo”, indicou Lage quen destacou que o estudio inclúe a elaboración do Plan de Mobilidade Urbana.
Sete fases para a elaboración do estudo
O voceiro municipal detallou as principais características e fases nas que se desenvolverá este estudo do transporte urbano unha vez o contrato sexa adxudicado. Como incidiu durante a súa intervención, “o proceso está baseado na construción de grandes acordos e consensos, algo que caracteriza ao Goberno de Inés Rey”, polo que a primeira fase será precisamente na que se levará a cabo un proceso de participación cidadá na que estarán involucrados todos os coruñeses e coruñesas que o desexen e os principais axentes sociais implicados. Abordaranse as características do servizo actual, así como as principais necesidades de futuro.
A segunda fase consistirá nunha análise pormenorizada da cidade, o seu tráfico e o seu sistema de transporte actual, formulando unha predición da súa evolución durante os próximos 15 anos. Para isto, teranse en conta factores como a posta en funcionamento da futura estación intermodal, o crecemento de servizos de mobilidade alternativos coma BiciCoruña ou o desenvolvemento urbano en diferentes puntos da cidade. “O obxectivo é contar cunha imaxe fiel das características da cidade e o seu tráfico, así como dos cambios previstos”, precisou Lage, que quixo destacar que será o primeiro estudo que analice en profundidade o impacto das bonificacións impulsadas polo Goberno de Inés Rey nas tarifas do bus urbano.
A terceira fase consistirá nunha diagnose do transporte e da situación actual do tráfico mediante a análise de diferentes datos e da realización de enquisas a un mínimo de 4.000 persoas, permitindo dispoñer dunha análise máis detallada da situación actual da mobilidade urbana e do transporte público.
A cuarta fase será na que se exporán as diferentes opcións de modelos de transporte público. Haberá, polo menos, tres alternativas: o mantemento do sistema actual coa incorporación de melloras puntuais, a remodelación parcial da rede incorporando novos itinerarios e o deseño dunha nova rede de transportes. Manexaranse tres horizontes temporais: 2025, 2030 e 2035. “O obxectivo disto é que o noso servizo sexa o ideal en cada un deses anos”, indicou Lage.
A quinta fase, e unha vez escollido o modelo idóneo para a cidade e o seu desenvolvemento futuro, consistirá na elaboración dunha primeira proposta da nova oferta do transporte público coruñés. “Neste punto seremos o máis minuciosos posibles para non deixar ningún fío solto e poder presentarlle á cidadanía un modelo de transporte urbano de calidade e que ofreza un servizo óptimo aos diferentes barrios, aos que xa estaban, aos máis recentes como Novo Mesoiro ou Xuxán e aos futuros”, indicou o voceiro municipal.
A sexta fase será a análise xurídica e o estudo económico-financeiro de dita oferta de transporte público e a sétima e última será a redacción dun proxecto técnico definitivo do novo servizo para a súa implantación. “Desde o Goberno de Inés Rey estamos levando a cabo un traballo minucioso para que A Coruña conte cun dos mellores servizos de transportes públicos e urbanos do país”, sinalou José Manuel Lage.
O Concello reforza o software de BiciCoruña con 1,2 millóns de euros
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este mércores a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, na que se aprobou un investimento de 1,2 millóns no sistema de software TIC de BiciCoruña, unha partida a cinco anos vista, que inclúe as anualidades orzamentarias precisas ata o ano 2029, e necesaria para manter a operatividade do servizo de uso das bicicletas, eléctricas e mecánicas. Así o explicou en rolda de prensa o voceiro municipal, José Manuel Lage.
O software que sae a licitación estará dispoñible en modalidade 24×7, o que implicará que o servizo estará monitorizado constantemente e ademais, facilitaría hipotéticas ampliacións de horario de BiciCoruña, dado que o sistema estaría operativo en todo momento.
“Os investimentos asociados a BiciCoruña non sempre son visibles, mais van moito máis alá do incremento na dotación de vehículos”, sinalou Lage. Subliñou, por exemplo, o caso do sistema SaaS (software as a service) que habilita as persoas usuarias ao uso diario das bicicletas, tamén a adquisición dunha furgoneta eléctrica que axilizará a repartición de bicicletas entre as estacións operativas, así como o novo centro de lavado no que se acometerá o mantemento e limpeza das bicicletas, dous investimentos cofinanciados con fondos Next Generation.
Tras a súa aprobación en Xunta de Goberno Local, o contrato do sistema de software de BiciCoruña pasa xa a fase de licitación, o que supón un novo avance no plan de expansión do servizo municipal BiciCoruña, que contempla a instalación de máis estacións nos barrios e a ampliación das bases alí onde se detecta a diario unha rotación de vehículos máis marcada.
Melloras no colexio Víctor López Seoane, en Monte Alto
Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno Local deu luz verde ao proxecto para remodelar a pista multideporte do CEIP Víctor López Seoane, no barrio de Monte Alto. Esta intervención, que recibiu un amplo apoio da veciñanza a través dos Orzamentos Participativos convocados polo Concello, suporá, a grandes rasgos, a demolición do firme actual da pista para acometer, posteriormente a súa renovación, cun novo pavimento.
A esta actuación sumarase, ademais, a instalación dun novo peche da parcela no sector norte do centro educativo, así como a substitución dos peches laterais que hai na actualidade, unha medida necesaria ante a oxidación dos valados, por mor do paso do tempo e o impacto da salinidade e a meteoroloxía adversa.
En conclusión, o Concello prevé levar a cabo un investimento de 295.000 euros para completar este abano de intervencións no CEIP Víctor López Seoane. Desta forma, o Goberno de Inés Rey reforza o seu plan de medidas para mellorar as infraestruturas dos colexios da Coruña, unha folla de ruta que neste ano inclúe, por exemplo, as obras para ampliar o parque infantil do CEIP San Francisco Javier e a licitación dos traballos para humanizar o patio exterior do CEIP Ramón de la Sagra.