Saturday 23 de November de 2024

A Pobra enxalza os seus tesouros marisqueiros en formato de obradoiros


Achegarse aos recursos marisqueiros presentes no litoral da Pobra do Caramiñal, coñece-los aparellos que se empregan para a súa extracción, aprende-las características máis particulares das distintas especies de bivalvos, meterse na pel das profesionais do mar por unhas horas… En definitiva, experimenta-lo oficio das mariscadoras de a pé. Isto é todo o que posibilitan os obradoiros que forman parte da nutrida axenda configurada pola Concellaría do Turismo para o verán actual e que comezarán proximamente.

Estes talleres desenvolveranse na praia dos Areos, sempre en horario de mañá, e arrancan coa Semana do Mar, no 12 de xullo, polo que será de balde exclusivamente para esa xornada.

O resto de datas elixidas son o 19 e 24 de xullo, así como o 2, 8, 16 e 30 de agosto. A contía a pagar para estes días establécese nos 12 euros por persoa adulta e nos 6 euros para menores de 10 anos.

Habilítanse as seguintes canles para formaliza-las inscricións: na oficina do turismo, situada na Casa Mariñeira (de luns a venres, de 09.00 a 14.00 e de 17.30 a 20.00 horas, e nos sábados, de 10.00 a 14.00 horas); no enderezo electrónico turismo@apobra.gal; ou nos teléfonos de contacto 981843280 (marcando a extensión 2035), 671090262 e 687482835.