Proseguen as reaccións ao anuncio da Xunta de subir o prezo por tonelada do lixo que se trata en SOGAMA, así como á intención do goberno presidido por Alfonso Rueda de trasladarlle ese incremento aos concellos e a veciñanza. Foron varios os municipios que se pronunciaron nos últimos días para rexeitar a medida e incluso a FEGAMP se opón ao denominado “Canon SOGAMA 2024”. A federación de municipios galegos tratou a cuestión onte mesmo en Xunta de Voceiros e Voceiras, órgano no que se aprobaron unha serie de alegacións e propostas que, en todo caso, teñen como obxectivo resolver a suba do canon -estimada en 10 euros por tonelada- “sen agravar a situación económica dos concellos”. O alcalde de San Sadurniño, Secundino García (integrante ademais da dirección da FEGAMP), manifestou a súa disconformidade co que considera “un intento máis por parte da Xunta de facer que sexamos os municipios quen asumamos integramente os sobrecustes dun sistema de tratamento que é insostible desde o punto de vista ambiental e económico”.
O rexedor insiste, por outra banda, en que os argumentos da Xunta de Galicia para subir o canon “tampouco se sosteñen”. García Casal suxire que o goberno galego “quere facernos crer que o incremento do prezo é culpa do Estado e do imposto europeo á vertedura e a incineración. Pero iso é falso: a propia Xunta, accionista maioritaria de SOGAMA, é quen vai cobrar ese imposto e, polo tanto, o sobreprezo do tratamento do lixo”, asegura o alcalde.
García explica que a proposta da Xunta de Galicia contempla fixar o canon nun promedio de 78 euros por tonelada para todo este 2024 -68 euros de xaneiro a xuño e 88 de xullo a decembro-, aínda que tamén tería previsto compensarlles aos concellos unha parte dos sobrecustes mediante unha achega de 9 millóns de euros a través do Fondo de Cooperación Local adicional.
Con esta cantidade, o impacto nas contas municipais sería de 66 euros por tonelada. “Aínda así estariamos pagando dez euros máis que agora e, por se fose pouco, esa ‘axuda’ da Xunta estaríase custeando cuns fondos que xa son dos concellos e que en teoría son incondicionados. É dicir, a suposta compensación tamén a estaríamos pagando nós, os municipios. É un exemplo máis do ‘a Xunta convida e os concellos pagan’, que xa vimos coa gratuidade das escolas infantís”, critica Secundino García.
O alcalde de San Sadurniño lembra, por outra parte, que SOGAMA é unha empresa participada tamén por Naturgy e, neste sentido, mostrouse convencido de que o Goberno da Xunta de Galicia “actúa de novo como defensor de intereses privados, facendo que sexamos os concellos e a veciñanza quen soportemos as contas de resultados da eléctrica”.
Alegacións da FEGAMP
A decisión sobre a suba do canon de SOGAMA aínda non é definitiva. Unha vez presentada a proposta, a finais do mes de xuño, abriuse un prazo de 10 días hábiles para que a FEGAMP presentase as súas alegacións, prazo que finaliza este xoves 11 de xullo.
A Xunta de Voceiras e Voceiros da federación de concellos deu a coñecer onte mesmo o contido das súas contrapropostas. A principal é que SOGAMA e a Xunta de Galicia distribúa entre os municipios 12,1 millóns de euros do Fondo Ambiental detraído do Fondo de Cooperación Local, baixo criterios de poboación e de toneladas por concello.
A maiores tamén se solicita o retorno aos concellos -en forma de bonificacións ao canon- do recadado en concepto de imposto sobre o depósito de residuos en vertedoiros, incineración e coincineración, por importe doutros 12,1 millóns de euros. A finalidade das bonificacións sería promover a redución e incrementar a reciclaxe de envases lixeiros, rebaixarlle o recibo á veciñanza e implantar o quinto colector e lograr maior implantación da compostaxe domiciliaria ou comunitaria.
Por último, a FEGAMP propón crear unha comisión de traballo con Sogama e as Consellerías de Medio Ambiente e de Facenda para determinar as condicións do canon para o ano 2025 antes da aprobación do Proxecto de Orzamentos da Comunidade Autónoma para ese ano. “Queremos que estas decisións, que nos afectan a máis de 200 concellos, se tomen por consenso e non como unha imposición”, pide Secundino García.
Tras analizar as posibles achegas recibidas ao remate do prazo de alegacións que conclúe mañá xoves, o Consello de Administración de SOGAMA volverá reunirse o 17 de xullo para facer a súa proposta á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático que, previo informe do departamento de Facenda e Administración Pública, será a que aprobe o novo canon para este ano. Haberá que agardar ata daquela para saber se se incorporan ou non as demandas do municipalismo galego.