Sogama, a empresa titularidade da Xunta (51%) e da eléctrica Naturgy (49%) que xestiona os refugallos de case 300 concellos galegos, acaba de anunciar unha subida nas súas tarifas, algo “prexudicial para a veciñanza” segundo informan dende os concellos da Barbanza.
A proposta de incremento do canon prevese en dúas etapas durante o ano 2024, a 68,05 por tonelada de xaneiro a xuño e a 88,05 de xullo a decembro. Fontes municipais consideran que é unha medida de dubidosa legalidade porque se aplica de maneira arbitraria a algúns concellos e faise sen antes cambiar a lei pola que se aprobou a bonificación do 15% que tiñan os concellos que levaban a cabo medidas positivas no ámbito da recollida separada dos biorresiduos.
Esta medida, obrigará aos concellos a aprobar modificacións das ordenanzas fiscais porque as novas taxas téñense que repercutir nos recibos que pagan as persoas usuarias. Dende os concellos de Ribeira, A Pobra, Boiro e Rianxo recriminan que a Xunta vaia castigar á veciñanza pero tamén aos concellos aos que lles vai detraer do Fondo de Cooperación Local 9 millóns de euros para financiar unha parte desa suba, prexudicando o financiamento que teñen as propias entidades locais.
Dende os gobernos locais cren que “é preciso apostar por un modelo de xestión dos residuos que sexa sustentable e que non cause un prexuízo ás economías municipais nin teña un aumento de custes para as veciñas e veciños” polo que lle piden á Xunta de Galicia que reconsidere esa medida e sente a falar cos municipios no seo da Fegamp para acadar consensos no ámbito da xestión dos residuos.