O xoves 11 de xullo,a partir das 21.00 horas, actuarán na Praza do alcalde Ramón J. Souto González Caamaño&Ameixeiras, co espectáculo Quitar o aire, e a continuación Grande Amore, presentando o seu último disco II. Dobre sesión musical que organiza a Concellería de Cultura para a penúltima xornada do ciclo Xullo, mes da Patria. A entrada a calquera dos dous concertos será libre e de balde.
Quitar o aire, o novo traballo de Caamaño&Ameixeiras está inspirado na ritoloxía popular galega, un universo fascinante onde realidade, maxia e relixión conflúen para procurar respostas, para sandar e para celebrar a vida. Un mundo que sitúa no centro á tribo, á comunidade, entendida como unha rede de axuda para salvarse as unhas ás outras. Neste disco, o dúo íspese emocional e musicalmente para conectarse coas súas raíces e mergúllase neste imaxinario, que tamén é o seu, para visitar e recrear algúns dos seus lugares máis fermosos e suxerentes. Dende a intimidade e a tristeza do loito á exaltación e celebración pola cura da enfermidade. Dende a ilusión excitada dos filtros de amor ata a escuridade poderosa dos exorcismos. Despois do seu primeiro álbum, Aire! (2021), Caamaño&Ameixeiras apelan agora ao rito purificador, á palabra precisa, á sabiduría ancestral. Ao caos e á renovación.
Pola súa banda, en II, Grande Amore fará un repaso dos dous discos publicados pola banda até o de agora, álbumes nos que mestura rock e música electrónica.
Organiza: Concellería de Cultura coa colaboración da Rede Cultural da Deputación