Realizarase ata o venres, incluíndo actividades na vila costeira e saídas ao parque acuático de Cerceda e ao centro de turismo ecuestre O Ventoso.
Continuando co desenvolvemento do programa municipal de actividades de verán, hoxe comezou a segunda quenda dos campamentos que o Concello organiza en Caión nestas datas. Participan medio centenar de nenos de idades comprendidas entre os 7 e os 9 anos. O horario é de 10:00 a 18:00 horas.
Neste mañá realizaron xogos de animación deportiva e un obradoiro de cociña saudable no pavillón de Xermaña. Pola tarde terán unha actividade de xogos xigantes. Ata o venres desfrutarán de moi diversas actividades como a saída ao parque acuático de Cerceda de mañá e ao centro de turismo ecuestre O Ventoso de Erboedo o xoves. O mércores haberá un circuíto de karts e contacontos. Na última xornada gozarán dos inchables de auga e da festa da escuma.
Todos os anos o Concello aposta por organizar estes campamentos co dobre obxectivo de ofrecer ao nenos a posibilidade de divertirse practicando deportes e realizando actividades de tipo educativo, ademais de ser unha importante axuda para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar dos seus pais durante as vacacións nos centros educativos.
Na semana pasada participaran na primeira quenda outros 50 rapaces de entre 10 e 12 anos de idade.