A concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica e voceira do goberno de Santiago, Míriam Louzao, deu conta hoxe dunha nova sentenza que vén confirmar as decisións políticas en materia de vivenda. Desta volta, o fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirma o fallo do xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Santiago, que xa en primeira instancia lle daba a razón ao Concello. En total, o Concello conta con oito sentezas favorables firmes e dúas setenzas favorables pendentes de firmeza.
Unha das cuestións más novidosas para o Concello é a incorporación de dous aspectos a esta sentencia, na que declara conforme a dereito a declaración de ineficacia da comunicación previa dunha vivenda de uso turístico, sen que sexa necesario tramitar un expediente de reposición da legalidade urbanística. Como explicou en rolda de prensa este luns Míriam Louzao, esto significa que bastaría coa declaración de ineficacia da comunicación previa para o cese da actividade.
Asemade, outra das cuestións que trae a colación esta sentenza é a lexitimación do goberno local para a defensa do dereito á vivenda. Así, segundo a doutrina do Tribunal Supremo, a intervención da normativa urbanística municipal nestes casos está lexitimada como canle para garantir a protección do dereito á vivenda digna e adecuada sen contravir a Directiva de Servizos, pois existen razóns de interese xeral que así o xustifican.
Durante a súa intervención, a voceira do goberno que dirixe Goretti Sanmartín tamén lembrou outras das cuestións na que pón o foco a sentenza e que tamén confirman a actuación do Concello e a inclusión, na ordenanza municipal que se está tramitando e que se levou a pleno o 24 de xuño, do requisito de que as comunidades de veciños non teñan incluído nos seus estatutos o veto a pisos de uso turístico.
Deste xeito, Míriam Louzao destacou que o fallo xudicial pón o foco en que non debe esquecerse que o uso de inmuebles nunha comunidade como VUT supón, en moitos casos, a existencia de molestias veciñais no ámbito en que a comunidade de propietarios en que o Concello non pode ser alleo ao amparo dunha autorización autonómica.
A sentenza xudicial tamén incide na idea de que non debe confundirse a declaración responsable autonómica para o exercicio dunha actividade de piso turístico coas autorizacións ou permisos municipais, que son independentes e que pertencen ao ámbito competencial urbanístico, propio das administracións locais.
Taxa turística
En resposta ás preguntas formuladas polas xornalistas, Míriam Louzao reiterou a disposición ao diálogo do goberno local coa Xunta e lembrou que dende o inicio se lle ofreceu presentar o informe e a proposta lexislativa de forma directa aos responsables da Administración autonómica.
De feito, indicou que ela mesma tiña confirmada unha reunión co director xeral de Turismo, Xosé Merelles, que se suspendeu e pola que agarda unha nova convocatoria, e incidiu en que se tiveran respostado que precisaban “un par de días máis”, o goberno local non tería problema en agardar.
Ademais, preguntada por esta cuestión, instou a ler o documento na súa totalidade, porque no informe está plenamente xustificada a implantación dunha taxa para Santiago de Compostela pola presión turística que soporta a capital galega, a máis alta de todo o Estado.
Neste sentido, Louzao insitiu en que o goberno local non parte con liñas “vermellas” no diálogo. Asemade, dixo non entender a afirmación sobre o destiño do recadado, toda vez que precisamente o proxecto presentado recolle a gobernanza compartida.
Outros asuntos
A Xunta de Goberno tamén acordou o nomeamento de Rosa Isabel García Agrelo como directora de Área de Cultura e Dinamización Cidadá do Concello de Santiago de Compostela, funcionaria do Grupo A, subgrupo A1 de clasificación, con nivel 30 de destino e específico, por ser a candidata idónea, logo da avaliación das solicitudes presentadas.
Tamén se aprobou o proxecto de modificación de Centro de Transformación da compañía subministradora na rúa da Codeseira de Vidán na SUNP20 Amañecida por un orzamento de 106.982,95 euros e o convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e COGAMI para levar a cabo un proxecto de actividades para persoas con discapacidade por un importe de 15.000 euros.