Friday 22 de November de 2024

O Concello renova o seu compromiso coa inserción laboral e persoas con discapacidade a través dun convenio con Grumico


A entidade recibirá 35.000 euros para financiar a súa escola de xoiaría

A alcaldesa, Inés Rey, asinou no Palacio de María Pita con Francisco Javier Mouriño Grandío, presidente do Grupo de Persoas con Discapacidade de Coruña (Grumico), un convenio nominativo por importe de 50.000 euros para financiar a escola de xoiaría da entidade.

Inés Rey lembrou que o convenio con Grumico súmase aos asinados con outras entidades da cidade para fomentar a inserción laboral das persoas con discapacidade. “Favorecer o acceso a un traballo e a unha vida autónoma para as persoas con discapacidade é a mellor iniciativa para loitar contra a desigualdade e o Concello, na medida das súas competencias, traballa da man das entidades para que esa brecha se reduza”, dixo Rey.

A escola de xoiaría de Grumico ofrece unha formación completa e especializada no ámbito da xoiaría para que o alumnado poida adquirir os coñecementos e as competencias necesarias para desenvolver a profesión de xoieiro/a. A escola conta tamén con prazas ocupacionais destinadas á consecución de obxectivos terapéuticos ou a atopar un espazo para o lecer e a ocupación do tempo libre.
O Concello recibiu o premio da Asociación Amicos na I Edición dos Premios ás boas prácticas en contratación responsable polo sey compromiso coa contratación responsable, recollendo obrigas de inserción sociolaboral de persoas e colectivos desfavorecidos en todos os pregos da contratación así como a exclusión ás empresas que vulneran a obriga de contratar un 2% de persoas con discapacidade. Ademais, no pasado mandato, incluiuse a reserva de lotes nos grandes contratos para centros especiais de emprego e empresas de inserción ou para entidades e empresas de economía social.