Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño convoca unha xuntanza para empezar a organizar o Samaín


O encontro con colectivos e veciñanza voluntaria terá lugar na Casa da Xuventude este xoves ás 20:00h

Estamos a 8 de xullo. Faltan aínda case catro meses para o tempo de Santos, Defuntos e os magostos. Porén, o Concello de San Sadurniño xa anda dándolle voltas á organización para esas datas dun Samaín coa máxima participación veciñal, repetindo a idea que o ano pasado tivo que trasladarse á Casa da Cultura por causa do mal tempo. Para empezar a darlle forma a todo, as áreas de Cultura, Participación veciñal e Desenvolvemento Local convocaron para este xoves 11 de xullo un primeiro encontro de coordinación que terá lugar na Casa da Xuventude a partir das 20:00h. A el están chamados todos os colectivos do territorio e tamén está convidada aquela veciñanza que queira sumarse ao percorrido teatralizado que se desenvolverá na noitiña do venres 1 de novembro.

O encontro será unha primeira toma de contacto entre as concellarías promotoras e as persoas e colectivos que participaron o ano pasado no Samaín, ademais doutras interesadas en participar de múltiples maneiras: axudando a definir a trama deste ano, representando algún papel ou colaborando na loxística dun evento concibido como un percorrido pola zona urbana de San Sadurniño no que irán vivíndose distintas escenas relacionadas cos rituais ancestrais da morte e o cambio de estación.

O Concello fixo circular hai unhas semanas o convite para xuntar o máximo número de persoas. “O ano pasado contamos coa participación veciñal para organizar esta data tan sinalada na nosa cultura e este ano volvemos pedir a vosa axuda. Necesitamos tempo e xente que queira botar unha man, tanto como para poñer orden nos trasgos rebuldeiros como se por unha noite queres sacar o sombreiro e a vasoira”, explícase no folleto distribuído en papel e a través de whatsapp.

A xuntanza está convocada para a tardiña deste xoves 11 de xullo -20:00h- na Casa da Xuventude. Nela explicarase “en que consistirá esta nova edición do Samaín”, promovido polo Concello, que en certa maneira recolle o testemuño das multitudinarias procesións das ánimas celebradas en Naraío nos anos 2017 e 2018.

Cultura, Participación veciñal e Desenvolvemento local -as tres concellarías implicadas na organización-confían en conseguir unha alta participación social na iniciativa e, en todo caso, superar á do ano pasado, cando tivo que suspenderse por causa dun aviso de temporal e, finalmente, celebrarse na Casa da Cultura (con grande éxito, por certo). O Samaín foi posible nesa ocasión gracias á colaboración da Asociación Brío, do Castelo de Narahío, de varias veciñas e veciños, do grupo folc Encrucillada e do actor Kevin Lorenzo, todas e todos coordinados polo director escénico Pepablo Patiño.