Friday 22 de November de 2024

“Miúdo verán” trae este xoves a Neda o espectáculo de novo circo e danza “Up2down”


O campo dos Subarreiros acollerá a proposta escénica, dirixida ao público familiar

A veciñanza e os visitantes de Neda poderán desfrutar este xoves dunha nova entrega do “Miúdo verán. Cultura en familia”. O programa cultural trae á vila, coa axuda do Agadic, o espectáculo de novo circo e danza “Up2down”. Será no campo dos Subarreiros, ás 20 horas.

Tras a excelente acollida brindada polo público a Teatro Ghazafelhos, o programa cultural cambia de escenario e de terzo, apostando por un xénero diferente. Así, o colectivo trasPediante chega á localidade cunha proposta escénica que combina humor, danza, circo contemporáneo, e poesía visual.
“Up2down” está escrita por Arturo Cobas, e protagonizada por Marta Alonso & Paula Quintas. “Dúas bailarinas, dous cables de funambulismo e dirixidas por un pallaso” reza a carta de presentación desta obra. Nela o espectador é partícipe dos desexos, aspiracións e evolución de dúas personaxes, marcadas polo seu estatus antagónico (a funambulista, etérea e ideal; e a pallasa, terreal e mundana) ata alcanzar o equilibrio.

A terceira edición de “Miúdo verán. Cultura en familia”, enmárcase no programa “Cultura no Camiño”, deseñado para favorecer a dinamización das localidades polas que discorren as diferentes rutas xacobeas.