Friday 22 de November de 2024

Estudantes de 9 a 17 anos poderán mellorar as súas competencias dixitais nos campamentos do proxecto CRI-TIC


As actividades, deseñadas pola Fundación Esplai, desenvolveranse do 30 de xullo ao 21 de agosto na aula CeMIT do Pazo da Cultura

Ademais do campus urbano xuvenil que se desenvolverá do 15 ao 19 deste mes, no que intentaremos fomentar a creatividade dos adolescentes de 12 a 16 anos cunha variada oferta de obradoiros de artesanía, o 30 de xullo arrincará outra iniciativa conxunta das concellarías de Servizos Sociais, Educación e Mocidade cuxo obxectivo é mellorar as competencias dixitais da rapazada carballesa.

Grazas á colaboración da Fundación Esplai, do 30 de xullo ao 21 de agosto desenvolveranse dous campamentos do proxecto CRI-TIC, cuxo obxectivo é pechar a fenda social dixital dotando de competencias dixitais a nenos, nenas e adolescentes de 9 a 17 anos. Con esa finalidade desenvolveranse dúas accións formativas, adaptadas aos rangos de idade dos/as participantes, que se centran na aprendizaxe baseada en proxectos para, a través do xogo, dotar ao alumnado das ferramentas precisas para usar a tecnoloxía de xeito responsable e consciente, previr as adiccións ás novas tecnoloxías, identificar e previr o acoso a través da rede, introducilos/as á intelixencia artificial ou na robótica educativa, entre outros moitos contidos.

Ademais, o programa incorpora outras estratexias innovadoras como a gamificación, o storytelling ou a aprendizaxe cooperativa. Cada participante completará un itinerario formativo de 30 horas, ao remate das cales recibirá un diploma acreditativo.

Os campamentos de competencias dixitais realizaranse na renovada Aula CeMIT, situada no primeiro andar do Pazo da Cultura, en horario de 10.00 a 12.00 para o grupo de nenos/as de 9 a 12 anos e de 12.00 a 14.00 para o grupo de mozos/as de 13 a 17 anos. A formación é de balde e as inscricións deben realizarse exclusivamente no Fórum Carballo (2º andar do edificio administrativo). O prazo estará aberto desde o luns 8 ás 09.00 horas ata completar as prazas dispoñibles.

O proxecto CRI-TIC
O proxecto CRI-TIC, Infancia e mozas con criterio dixital, liderado por Fundación
Esplai en Galicia, ten como obxectivo principal favorecer a adquisición de competencias dixitais buscando garantir a inclusión dixital desde a infancia.

A implementación deste proxecto implica unha combinación de coñecementos,
habilidades e actitudes que fomenta unha actitude crítica e responsable da
tecnoloxía, non só para a aprendizaxe ou o traballo, tamén para a participación na
sociedade e a interacción social. Este proxecto enmárcase no programa de Competencias Dixitais para a Infancia, coñecido como CODI, desenvolvido polo Alto Comisionado contra a Pobreza Infantil e o Ministerio de Juventud e financiado con fondos europeos NextGenerationEU, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.