As necesidades da veciñanza e da administración urxen á redacción do novo presuposto actualizado
O BNG ofrece vontade de traballo e diálogo, mais aínda non recibimos nin a primeira chamada
Superado o ecuador do ano 2024, Culleredo segue sen contar cun orzamento que destine fondos e ofreza solución para as necesidades actuais da súa veciñanza. O BNG vén reclamando desde hai meses a redacción do novo documento. Mais non se trata de só iso, senón de dar inicio sequera aos traballos que darían lugar a ese proxecto, que resulta central para o funcionamento da administración municipal. A desgana do goberno é tal, que nin tan sequera poñen o mínimo esforzo da súa parte para facer avanzar o concello.
Así, o BNG solicita ao Concello de Culleredo, unha vez máis, que inicie os trámites para a redacción dun novo orzamento para o exercicio actual de 2024, diante das evidencias da existencia de múltiples incumprimentos por parte do goberno municipal nas obrigas e promesas contraídas coa veciñanza para dar solución aos seus problemas e necesidades.
Sendo prioritaria a aprobación dun orzamento, o BNG amosa a súa vontade a poñer en marcha as ideas e solucións propostas pola veciñanza a través das vías para a participación cidadá na redacción dos orzamentos, así como os proxectos do BNG para o futuro de Culleredo, de cara a unha posíbel modificación orzamentaria mediante a incorporación de remanentes.
A falta de orzamento afecta ao funcionamento do concello e ao inicio de proxectos de importancia capital, como o desenvolvemento da ARI —Área de Rehabilitación Integral— na Fonte da Balsa, tal e como se aprobou en pleno, hai case un ano. Tamén se ve afectada a actividade veciñal e deportiva e clubes e asociacións veñen reclamando o pago de subvencións desde hai varios exercicios, o que está comprometendo a súa existencia, en moitos casos. O exemplo máis claro foi o do Balomnán Culleredo hai só uns días, que acumula unha débeda coa empresa de autobuses encargada dos seus desprazamentos.
O BNG tende a man, por enésima vez, para poñer a andar un novo orzamento que resulta xa urxente, xa sexa conectando as necesidades veciñais co goberno municipal ou trasladando os proxectos do BNG para o futuro de Culleredo.