Friday 22 de November de 2024

A Concellaría de Servizos Sociais pon a disposición das familias 280 prazas no programa Concilia


O servizo prestarase nos colexios Fogar, Bergantiños e Gándara-Sofán, así coma en calquera outro no que haxa un número mínimo de usuarios/as

O Concello de Carballo abre do 8 de xullo ao 9 de agosto o prazo de solicitude do programa Concilia para o curso 2024-25. Co obxectivo de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar, desde o ano 2006 a Concellaría de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade ofrece ás familias un servizo de recollida dos nenos e nenas a primeira hora da mañá nos propios centros escolares, cubrindo a necesidade de atención antes do inicio das clases pola mañá con persoal cualificando, ademais de ofrecer o servizo optativo de almorzo.
O servizo préstase de luns a venres os días lectivos dende as 7:00 ata a hora de incorporación ás clases en cada centro. Tamén se ofrece servizo nos períodos vacacionais de Nadal, Entroido, e Semana Santa, e nas pontes, así coma nos primeiros días de setembro. Nestes casos, as familias deberán deixar e recoller aos nenos e nenas na sede da empresa concesionaria, O Recuncho dos Nenos, situada na rúa Barcelona, número 18, entrechán dereito.
Para o próximo curso ofrécense, en principio, 280 prazas: 150 no CEIP Fogar, 100 no CEIP Bergantiños e 30 no CEIP Gándara-Sofán. Pero poderían ser máis, xa que a Concellaría de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade implantará o programa Concilia en calquera outro centro no que exista un mínimo de 10 usuarios para o curso completo.
Información importante
• O prazo de matrícula no programa Concilia será do 8 de xullo ao 9 de agosto para usuarios/as do curso completo. Para estes escolares tamén existe a posibilidade de dispoñer do servizo do 2 ao 10 de setembro na sede da empresa concesionaria, para o cal deberá presentarse a solicitude específica.
• É importante asinar todos os documentos, tanto a matrícula como as autorizacións que figuran nos anexos.
• As solicitudes poden presentarse nos rexistros municipais, na Sede Electrónica do Concello de Carballo ou por calquera outro medio válido.
• Os impresos de solicitude de praza poden descargarse máis abaixo. Tamén están dispoñibles no edificio de Servizos Sociais.