Se queres coñecer unha experiencia artística diferente, achégate ata o KUKUmóbil de Andrea Milde. A artista alemá de tapices pictóricos Andrea Milde ten instalado na rúa Jacinto Amigo o seu taller téxtil ambulante. Con este obradoiro aberto ao público percorrerá Europa ata chegar ao Mar Negro, unha viaxe de varios anos realizando diferentes paradas tecendo fragmentos dun tapiz de gran tamaño, buscando unha metáfora do que é Europa.
O 6 de abril chegou de Berlín a Fisterra, punto de arranque desta viaxe-proxecto. Aí onde todos rematan o camiño, ela comezou o do KUKUmóbil, e agora témola en Carballo ata o 25 de xullo, unha oportunidade para coñecer a súa técnica e entablar coñecementos mutuos.
No exterior do KUKUmobil haberá un bastidor aberto ao público para que todo o que se acerque poida probar esta técnica de tapiz pictórico. Nas vindeiras semanas, a Concellaría de Cultura convocará unha serie de atividades para coñecer máis sobre o traballo desta artista.