Thursday 21 de November de 2024

Susana Sampedro foi recoñecida pola súa traxectoria artística polo Concello de Ribeira


O Concello de Ribeira fíxolle unha recepción á querida veciña e actriz, Susana Sampedro.
Arroupada por familiares, amigos veciñanza foi recepcionada no auditorio vello polo alcalde e membros da Corporación Municipal, nun acto ameno e divertido onde Pérez Barral sinalou “queremos demostrar dende o Concello que estamos moi orgullosos polo teu traballo e como ribeirense é unha honra poder presumir de artistas de grande nivel; temos grandes deportistas, grandes artistas e grande xente da cultura”.

Tamén fixo referencia ao seu amplo currículo artístico xa que Susana tamén é actriz de dobraxe, directora, actriz de teatro, televisión e cantante. Foi galardonada recentemente co Mestre Mateo á mellor actriz de reparto polo filme “Matria”.

Susana agradeceu ao Concello de Ribeira o recoñecemento “eu son máis de Ribeira que a Pedra da Rá, é un orgullo estar aquí agora nun teatro no que actuei con todos amigos, familiares e veciñanza”. “É a carreira máis bonita do mundo pero posiblemente sexa a
máis dura, a arte é algo tan necesaria para expresarse, para aprender, que nos amosa outras realidades que nos axuda a mirar doutra maneira e a crecer como persoas; e eu creo que un pobo mide a súa saúde de como trata a arte”.

O acto clausurouse coa entrega dunha figura dunha artista galega e cunha imaxe coa familia, amizades e os membros da Corporación Municipal.