Thursday 21 de November de 2024

Alternativa presenta unha moción sobre a granxa porcina de Lañas


Alternativa dos Veciños presentou unha moción sobre as irregularidades na actividade da granxa porcina que se sitúa no lugar da Ermida na parroquia de Lañas, que se tratará no pleno ordinario de xuño que se celebrará o próximo xoves día 27.

 

Alternativa dos Veciños denuncia que a granxa porcina do lugar A Ermida, na parroquia de Lañas, volve ter actividade e vólvense cometer irregularidades na xestión dos xurros

“Atendendo aos avisos recibidos por parte de veciños e veciñas da parroquia de Lañas e logo de visitar a zona onde se sitúa a explotación en cuestión, puidemos corroborar que a citada granxa volve ter actividade e séguense a cometer irregularidades no desenvolvemento da mesma, xa que se está a verter xurros a diario para a balsa aberta de polietileno –que esta é unha balsa de seguridade e non un pozo de xurros- o cal provoca un cheiro insoportable e unha praga de insectos, que afectan gravemente á saúde e calidade de vida dos veciños que residen nos arredores da granxa” apunta a Voceira de Alternativa dos Veciños, Noelia Martínez Canosa .

“Esta situación volvese dar logo de que no ano 2022 se levasen a cabo unha serie de reclamacións por parte de Alternativa dos Veciños e da veciñanza afectada ante o Servizo Territorial de Explotacións Agrarias e ante o Concello de Arteixo, que concluíu co acordo de que se regularizarían as instalacións e a actividade que se desenvolve nas mesmas. Pero, xa por aquel entón, puidemos comprobar como a regularización destas instalacións non ía ser a que corresponde de acordo coa normativa e as leis vixentes en relación coa actividade desenvolvida.
Lembramos que o propietario das instalacións presentara unha memoria valorada para solucionar todas as irregularidades que presentaba a granxa por un importe de 3.245€. Este é o importe que aparecía reflexado na memoria do proxecto que presentou no concello” explica Noelia Martínez.

“A dia de hoxe, despois de numerosas reclamacións realizadas por parte de Alternativa dos Veciños e pola veciñanza, e logo dun longo período sen actividade nesta explotación agraria, agora as instalacións volven contar con actividade e vólvense producir irregularidades no desenvolvemento das mesmas, tal e como se pode
comprobar nas imaxes que se achegan a esta moción. Unhas irregularidades que causan danos e provocan prexuízos aos veciños e veciñas que residen nos arredores desta explotación porcina.
E é por isto, que presentamos unha moción ao pleno da corporación para solicitar que os técnicos competentes do Concello de Arteixo procedan a realizar unha inspección para comprobar que as obras desenvolvidas no seu momento para regularizar a granxa, desenvolvéronse de acordo as normativas e as leis vixentes en relación á actividade desenvolvida; para solicitar que, de ser preciso, se lle de traslado da situación ao Servizo Territorial de Explotacións Agrarias e, para solicitar, que, en caso de incumprimento da normativa e das obrigas relacionadas coa actividade desenvolvida, se proceda a clausurar a actividade da explotación gandeira e a suspender o funcionamento das instalacións ata o restablecemento da legalidade” matiza a voceira de Alternativa.