• A iniciativa ‘Ortigueira ao paso’ é completamente gratuíta e programa 14 saídas entre durante os meses de xullo, agosto e setembro.
O Concello de Ortigueira, a través da concellería de Turismo, acaba de presentar a programación de roteiros de sendeirismo para este verán, unha oferta que presenta 14 itinerarios guiados repartidos durante os meses de xullo, agosto e setembro.
‘Ortigueira ao paso’, nome que recibe a iniciativa, consiste en actividades gratuítas que fomentan os hábitos de vida saudables, combinados coa promoción de lugares turísticos do municipio e a súa contorna, como os cantís de Espasante, Céltigos, Loiba ou Esteiro; a contorna do río Mera; o centro histórico de Santa Marta de Ortigueira; e mesmo o camiño de peregrinaxe a San Andrés de Teixido, que une Ortigueira co santuario situado no municipio de Cedeira.
Para participar destas saídas, as persoas interesadas deberán inscribirse previamente na Oficina de Turismo ou no teléfono 981 422 089.
A concelleira de Turismo e Patrimonio, Isabel Rego, afirma que “o goberno local pretende, con iniciativas como esta, fomentar os hábitos saudables e a relación coa contorna natural, á vez que damos a coñecer lugares de gran interese turístico e patrimonial do noso concello, aproveitando todo o potencial dos nosos espazos naturais”.
As datas e os destinos das saídas son as seguintes:
• JULIO:
◦ Mércores 17: San Andrés de Teixido.
◦ Venres 19: Roteiro da Intermareal de Ladrido
◦ Mércores 22: Roteiro do Neolítico.
◦ Venres 26: Cantís de Loiba e Esteiro.
• AGOSTO:
◦ Mércores 7: Cantís de Espasante e Céltigos.
◦ Venres 9: Río Mera
◦ Mércores 14: Marismas de San Adrián.
◦ Venres 16: San Andrés de Teixido.
◦ Mércores 21: Roteiro da Intermareal de Ladrido
◦ Venres 23: Roteiro do Neolítico.
◦ Mércores 28: Cantís de Loiba e Esteiro.
◦ Venres 30: Paseo polo centro histórico de Santa Marta de Ortigueira.
• SETEMBRO:
◦ Sábado 7: San Andrés de Teixido.
◦ Sábado 14: Cantís de Espasante e Céltigos.