Friday 22 de November de 2024

O Concello presenta o documental ‘Mamá, futbolista quero ser’, que repasa a vida de Irene González Basanta


Gonzalo Castro destacou a visibilidade que o Goberno de Inés Rey lle dá a unha figura clave para promover a igualdade no deporte

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, acompañado polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, presentou esta mañá o documental ‘Mamá, futbolista quero ser’, que repasa a vida e a traxectoria de Irene González Basanta. A peza audiovisual está promovida polo Concello en colaboración con Nós Televisión e a súa estrea será o 5 de outubro nas plataformas Movistar Plus, R e nas redes da propia Nós Televisión. Na rolda de prensa tamén interviron Ana Viqueira, guionista e produtora do documental, e Fernando del Moral, sobriño-neto de Irene González Basanta.
“Desde o Goberno de Inés Rey consideramos moi importante e necesario darlle visibilidade a vida de González Basanta, pois é un exemplo para promover a igualdade no fútbol e no deporte”, sinalou Gonzalo Castro. A coruñesa foi, na década de 1920, a primeira muller en cobrar por xogar ao fútbol e chegou a fundar o seu propio club, o Irene CF, do que era a capitá e gardameta.
A través deste documental, ‘Mamá, futbolista quero ser’, o Concello da Coruña afonda aínda máis na súa figura e na transcendencia que tivo na súa época. Ademais, esta peza audiovisual tamén se centra nas voces das futbolistas de hoxe en día para amosar os avances acadados durante estes anos. No documental participan familiares da futbolista coma o seu sobriño neto Fernando Del Moral e outras voces expertas coma o xornalista Rubén Ventureira e a ex xogadora Pilar Neira.
‘Mamá, futbolista quero ser’ formará parte dun programa de proxeccións do Concello a partir do mes setembro para darlle a coñecer á cidadanía a figura de Irene González Basanta, sobre todo entre as xeracións máis novas. Ademais, xa en outubro, estrearase en plataformascunha audiencia potencial dun millón de persoas en Galicia e de 10 millóns no conxunto de España.