A primeira, titulada “Nutrición e saúde”, terá lugar o vindeiro xoves 4 de xullo no centro sociocomunitario de Ponte Carreira
O Concello de Frades organiza unhas xornadas gratuítas sobre saúde, nas que se debaterá sobre nutrición, actividade física, saúde mental, prevención e recuperación dun ictus. Unhas xornadas que terán lugar no centro sociocomunitario de Ponte Carreira e que darán comezo o xoves 4 de xullo, ás 17:00 horas, cunha charla sobre “Nutrición e Saúde”.
Esta primeira xornada debaterá sobre alimentación saudable, tanto para persoas adultas como para crianzas, e a súa relación co benestar cardiovascular, ademais de como inflúen o estrés e as emocións na saúde. O Concello de Frades ofrecerá servizo de conciliación para aquelas persoas que o precisen, sempre que se xunte un mínimo de oito crianzas.
As inscricións están abertas no Concello de Frades ou no teléfono 981 695 567. Estas xornadas están organizadas en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade e a Deputación da Coruña, e conta coa financiación do Ministerio de Igualade a través do Plan Corresponsables.
Produtos lácteos
Por outra banda, o Concello de Frades mantén aberta a inscrición no curso gratuíto “Elaboración de produtos lácteos”, de 16 horas de duración e que terá lugar no centro sociocomunitario de Ponte Carreira os días 1, 3, 8 e 10 de xullo, de 10:30 a 14:30 horas. Un curso impartido por técnicos do Laboratorio Lácteo Galego no que se impartirán uns breves conceptos básicos sobre o leite e os seus derivados, facendo fincapé na hixiene e nos métodos de análise.
Porén, o curso será eminentemente práctico, onde o alumnado aprenderá a elaborar iogures, queixos, doce de leite, requeixo, kefir… Inscrición no Concello de Frades ou no 981 695 567. Este curso está organizado en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade e conta co financiamento do Plan Corresponsables, do Ministerio de Igualdade.