Goberno local, veciñanza e persoas que compartiron vivencias co sacerdote falecido en 2022 renderanlle tributo este sábado a partir das 12:30h nun acto en que se descubirá a placa coa nova denominación do espazo
A praza do antigo Concello de San Sadurniño, situada ao pé da igrexa do Rosario, do posto da Garda Civil e a Casa da Xuventude, pasará chamarse “Praza Ramón Díaz Raña”, en homenaxe a quen fora crego de San Sadurniño durante case dúas décadas, ademais dun dos principais activistas sociais e dinamizadores culturais do municipio. O espazo acollerá na mañá deste sábado 29 de xuño a partir das 12:30h o descubrimento dunha placa coa nova denominación, nun acto aberto ao público conducido pola xornalista Patricia Hermida que contará coa intervención de familiares e de persoas que coñeceron e compartiron vivencias con Díaz Raña.
O Concello de San Sadurniño dálle cumprimento deste xeito a unha demanda veciñal recorrente nos últimos anos. Un sentir que se fixo máis patente tralo pasamento de Díaz Raña en xuño de 2022, a raíz do cal varias persoas que o trataron decidiron promover a iniciativa en colaboración co Goberno local.
Unha idea, a de outorgarlle o nome de Ramón Díaz Raña á principal praza do centro urbano, ratificada a semana pasada polas portavocías dos grupos municipais, en espera de que sexa aprobada formalmente no próximo pleno. Ese consenso político e social coa homenaxe vaise facer efectivo este sábado 29 de xuño descubrindo unha placa deseñada por Juanlu Nacha. A creación do artista gráfico inclúe a nova denominación da praza, ademais dun debuxo alusivo ás vivencias do crego e teólogo durante a súa estadía en San Sadurniño, que se prolongou desde 1971 até 1990.
Durante ese tempo, Díaz Raña -nado en Ribadeo en 1938- compatibilizou o seu labor teolóxico e pastoral cun intenso traballo de dinamización social, política e cultural. O impulso ao grupo folc Saraibas, a posta en marcha do festival escolar da canción Cantareliña ou a revista Pumariño, son só algúns dos fitos locais nos que o crego de San Sadurniño e Santa Mariña estivo implicado, ademais de desempeñar un importante papel no devir do territorio. Múltiples facetas desenvolvidas desde un irrenunciable compromiso co país, cun estilo pastoral pegado á xente e, sobre todo, coa defensa das liberdades.
O tributo que se lle renderá o sábado a partir das 12:30h estará conducido pola xornalista Patricia Hermida e nel intervirán Iago Soler Castiñeira -familiar de Díaz Raña-, o relixioso e histórico galeguista Xaquín Campo Freire, o teólogo e lingüista Xosé Martinho Montero Santalha e Xosé López Gudín, exconcelleiro, amigo persoal e un dos promotores da homenaxe. O acto, que é aberto a toda a veciñanza, pecharao o alcalde, Secundino García Casal.