Friday 22 de November de 2024

Comunicado da Agrupación Local de Santiago de Compostela


O Grupo Municipal Socialista no concello de Santiago de Compostela actuou no pleno celebrado esta tarde en contra dos acordos expresamente adoptados polos órganos locais de dirección do partido.

O sentido do voto establecido pola Executiva Local era a abstención dado que a ordenanza que se aprobaba hoxe no pleno non tiña ningunha incidencia nin na prohibición nin na legalización das VUT. Compre lembrar que en Santiago xa estaban prohibidas as vivendas de uso turístico no casco vello e limitadas na cidade desde o 2023 grazas, precisamente, ao Partido Socialista. O que hoxe se aprobaba no pleno nada modifica o anterior, tan só se aprobaba o formulario para as comunicacións previas.

Todo isto débese ao interese do goberno local por levantar unha cortina de fume ante a imposibilidade para cumprir coas promesas electorais ás que se comprometeran durante a campaña.

Ante isto, dende o PSdeG de Santiago de Compostela actuouse en todo momento con responsabilidade, defendendo ante todo e por riba de todo os intereses da veciñanza desta cidade.

A abstención proposta por esta dirección estaba motivada polo feito de someter ao pleno unha cuestión meramente administrativa que non precisa de trámite plenario, nin entra no fondo do asunto; así coma pola súa negativa a plantexar un acordo máis amplo e de calado como o que lle propuxemos hai meses que, entre outras cuestións, propoñía dar pasos para declarar “zona tensionada” a nosa cidade, o que permitirá topar os prezos dos alugueiros ou abordar a problemática das vivendas baleiras.

Estamos convencidos e convencidas, en contra do dito polo goberno local, que proximamente poderá comprobarse como a aprobación desta ordenanza hoxe non facilitará a ilegalización das vivendas turísticas que teñen xa o recoñecemento como tal por parte do concello, tal e como se trasladou a distintos medios de comunicación.

Ante a falta de cumprimento das normas do partido, a Agrupación Local do Partido Socialista de Compostela informará á provincial, como órgano inmediatamente superior, para que se adopten as medidas disciplinarias oportunas segundo os Estatutos do PSOE.