O b-boy David Amor e a bailarina deportiva Emma Domínguez son distinguidos como mellores promesas
O Concello rendeu tributo póstumo durante a gala ao xove xogador de voleibol Antón Corujo Bouza
Ale de Paz coroouse novamente como a mellor deportista do ano na XXII Gala do Deporte de Neda, na que tamén brillaron David Amor e Emma Domínguez. A designación coñeceuse durante unha cerimonia, cargada de emotividade, na que o Concello lembrou a Antón Corujo Bouza, xove xogador de voleibol nedense, que perdía a vida traxicamente hai só unhas semanas.
Os pais do rapaz de 16 anos (José Agustín Corujo e María Luisa Bouza), ao que se recoñeceu a título póstumo, convertéronse nos padriños desta gala especial, na que estiveron arroupados polos compañeiros de equipo do seu fillo, o Aldebarán San Sadurniño. Unha gala que puxo en valor o traballo e esforzo dos e das deportistas máis destacados do municipio, distinguindo a quen obtivo mellores resultados durante a tempada 2022-2023.
E así, por cuarta vez, o nome da xogadora de fútbol sala Ale de Paz soou no momento no que se descubriu á persoa elixida para ostentar o título máis prezado. Coa súa designación como Mellor deportista do Ano en Neda recoñeceuse a extraordinaria traxectoria da xogadora, que milita actualmente no Marín Futsal, e que como integrante da Selección española, conseguiu a Eurocopa feminina de fútbol sala da UEFA. Os compromisos deportivos impediron á xogadora recoller en persoa o trofeo, que recibiu o seu pai.
Os títulos de mellor promesa (deportistas menores de idade) recaeron no b-boy David Amor Vizoso, campión de España de breaking na categoría sub- 21 e segundo na Liga galega de break; e en Emma Domínguez Puentes, do CBD UPA, campioa galega no 2022 e 2023, segunda a nivel nacional nos mesmos anos; e primeira en competición internacional. Esta bailarina xa merecera unha distinción especial no 2022.
O alcalde de Neda, Ángel Alvariño, tivo palabras de cariño coa familia de Antón Corujo Bouza e felicitou, en nome de Neda, a todos aos galardoados e galardoadas, aos que definiu como os mellores embaixadores do municipio.
Ademais de Ale de Paz, Emma Domínguez e David Amor, resultaron tamén galardoados polos seus méritos deportivos: en atletismo, Lucía Rivadulla Alonso, Adrián Rivadulla Alonso, Lucía González Gandoy, Sergio González Gandoy e Jonathan Fernández Ríos; en automobilismo, Miguel Peña Vázquez; en fútbol, o equipo de benxamíns da SD Rápido de Neda; en fútbol sala, Ángel Souto Carvalho; en judo, Liam Alfonso Fernández; en karate, Luca Rey Lourido; en motociclismo, Iván Santiago Fernández; en natación, Arantza Rivas Fernández, Tania López Sanmartín, Nerea López Sanmartín; en sincronizada, Noa Pico Pérez; en tenis, Claudia Freire Mouriz e Samuel Freire Mouriz e, en triatlón, Eloy Villanueva Rico. Recibiu finalmente unha mención especial pola súa colaboración na celebración de eventos deportivos a Agrupación de voluntarios de Protección Civil.