Friday 22 de November de 2024

A Xunta de Goberno dá un novo paso cara á protección do mural pintado polo artista galego Urbano Lugrís


A Xunta de Goberno local acordou esta mañá a aprobación provisional da modificación puntual do Catálogo do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1) co obxectivo de garantir a protección do mural pintado polo artista galego Urbano Lugrís no edificio situado na rúa do Franco, 56. Deste e doutros asuntos aprobados polo executivo local esta mañá deu conta a voceira do Goberno municipal, Míriam Louzao.

Con esta modificación puntual do Catálogo do PE-1, aprobada de xeito provisional polo Xunta de Goberno, o Concello pretende garantir, por razóns de interese público, a protección in situ do mural que o recoñecido artista Urbano Lugrís pintou na rúa do Franco, 56, para o Bar América que foi inaugurado en 1954.

Este mural é o último exemplo dos que o artista pintou na capital de Galicia que aínda se conserva no mesmo lugar para o que foi pensado, o que lle engade máis valor á obra. Dos que existían na cidade perdéronse os do Hotel Compostela, os do bar Lugo e foron separados da parede os da Clínica Álvarez que agora se encontran espallados en coleccións públicas e privadas.

O vixente Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1) inclúe un Catálogo de protección, que identifica os inmobles que son obxecto de preservación, incorporando unha ficha de catalogación para cada edificio, na que se identifican os elementos catalogados. No caso do edificio que acolle o mural na rúa do Franco, ata o momento tiña asignado o nivel 4 (interese ambiental) pero non figura catalogado ningún elemento interior.

Míriam Louzao explicou que tras esta aprobación provisional, a modificación puntual do Catálogo do PE-1 remitirase á Dirección Xeral de Urbanismo, para que emita un informe preceptivo e vinculante no prazo dun mes. “Se o informe é favorable, poderá ser aprobada de xeito definitivo no Pleno municipal” explicou a voceira.

Licenzas

A voceira tamén salientou a concesión de dúas licenzas de obras, unha ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para a construción dun edificio para 12 vivendas de promoción pública na rúa Constantino Limia Nogueira, en Lamas de Abade, e outra á Xunta de Galicia para a substitución dun muro do CEIP López Ferreiro. Esta licenza permitirá substitución dun muro cortina en mal estado na fachada leste do inmoble, cara á rúa dos Xasmíns, por outro que reproduza exactamente o que existen na actualidade, mantendo o seu mesmo deseño, composición, cor, así como acabado que o resto das carpinterías exteriores.

O executivo municipal denegou, sen embargo, a solicitude da Xunta de Galicia para a execución dunha estrutura cuberta no acceso dende Xoán XXIII, debido á suspensión previa de licenzas para o estudo da reforma do planeamento vixente no ámbito da OE-6 (Escolas de Maxisterio en Xoán XXIII) acordado polo Pleno da Corporación o pasado 28 de setembro. Míriam Louzao recordou que no Pleno extraordinario desta tarde votarase “a aprobación do inicio da modificación do PXOM que protexe o valor arquitectónico deste edificio e que elimina o uso hoteleiro que estaba previsto desde 2002 na parte da parcela que hoxe ocupan as facultades”.

Recepción de obras

O Goberno municipal tamén acordou a autorización do inicio de trámites para proceder á recepción das obras de execución do proxecto “recuperación do Campus Sur para o cidadán”, operación incluída na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa Operativo de Crecemento Sostible, 2014-2020″.

Tamén se aprobaron as certificacións finais das obras da construción da rampla para permitir un itinerario accesible dende a vía pública ata o edificio de titularidade municipal que alberga o Museo do Pobo Galego, no marco do proxecto de “eliminación de barreiras arquitectónicas para acceso á ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval”, así como das obras de mellora da drenaxe das Piscinas de Sar, na rúa das Fontes do Sar, e da obra de pavimentación do lugar de Aradas, na Peregrina.

Na sesión desta mañá tamén se deu luz verde ao convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e o Club Triatlón Santiago para o ano 2024, por un importe de 20.000 euros.