Friday 22 de November de 2024

Ángeles Vázquez chama a celebrar a noite de San Xoán de xeito sostible e respetuoso co medio ambiente


— Reitera a importancia de recoller os refugallos xerados e depositalos no contedor que corresponda para o seu correcto tratamento

— Lembra que unha simple bolsa de plástico tarda 400 anos en degradarse

A Xunta de Galicia fai un chamamento á cidadanía para que celebre a noite de San Xoán, o vindeiro domingo, de xeito sostible e respectuoso co medio ambiente, segundo dixo hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez.

A Xunta avoga para manter as praias limpas de residuos e tamén para ser respectuosos coa preservación dos valores naturais dos areais, tal e como subliñou a conselleira durante unha visita á praia de Valcovo, no Concello de Arteixo, na que estivo acompañada da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e do delegado en Galicia de Ecoembes, Bruno de Llano.

Nesa liña, Ángeles Vázquez lembrou pautas de comportamento claves para que esta celebración non deixe “pegada” no medio ambiente. Así, reiterou a importancia de recoller os refugallos xerados e depositalos no contedor que corresponda para o seu correcto tratamento.

Ademais, recomendou o uso de friameiras, vaixela e bolsas reutilizables para reducir a xeración de residuos, así como priorizar a compra de produtos a granel en vez dos sobrenvasados. Segundo insistiu a conselleira, “unha simple bolsa de plástico tarda 400 anos en degradarse”.

Ángeles Vázquez tamén avogou por reducir o desperdicio alimentario. Segundo recolle o decálogo de boas prácticas elaborado por Ecoembes con motivo desta xornada festiva, é recomendable facer un bo cálculo dos asistentes para evitar comprar máis comida e bebidas do necesario e optar por alimentos que poidan ser aproveitados ao día seguinte.