Investiranse máis de 36.000 euros en conectar os lugares da Curuxa e Gunduriz, ademais de mellorar as instalacións da nova traída do Camiño Arriba
San Sadurniño ten asignados 34.073,20 euros do denominado Fondo Ambiental xestionado pola Xunta de Galicia a partir do canon que deben satisfacer as empresas eléctricas con instalacións eólicas no país. Unha contía que o Concello vai dedicar ao financiamento de dúas actuacións hidráulicas consistentes, por unha banda, na ampliación da rede de abastecemento municipal aos lugares da Curuxa e Gunduriz, en San Sadurniño. Por outro lado, o proxecto tamén recolle a instalación dun equipamento de presión nos depósitos da nova rede do Camiño Arriba, pendente de entrar en funcionamento. As obras teñen aberto ata este sábado o prazo de recepción de ofertas.
O Fondo Ambiental é un gravame creado en 2009 ao abeiro do Plan Eólico de Galicia co que se alimenta un fondo económico común que despois se destribúe entre os concellos que teñan muíños no seu territorio, como é o caso de San Sadurniño.
Trátase dunha cantidade que debe destinarse a actuacións dunha alta compoñente de sostenibilidade e, neste sentido, San Sadurniño dedicará a contía asignada á ampliación do abastecemento de auga municipal aos lugares de Gunduriz e A Curuxa, en San Sadurniño, conectándoos co ramal executado recentemente no Rupiallo.
Desde a parte máis elevada deste conduto xeral sairá unha tubaxe de 75 mm de diámetro para darlle servizo a catro inmobles de Gunduriz por medio de dúas bifurcacións. Algo máis abaixo, á altura de Rupiallo, abriranse tamén dúas gabias para soterrar cadanseu tubo de 50 mm, neste caso para prover de servizo ás vivendas da Curuxa. En total instalaranse máis de 300 metros de canalizacións, ademais dos pozos de rexistro onde se aloxarán as chaves de paso e outros mecanismos necesarios, que tamén permitirán sectorizar a zona en caso de avarías.
Por outra banda, o proxecto financiado co Fondo Ambiental tamén contempla instalar unha unidade de presión na caseta dos depósitos do abastecemento do Camiño Arriba, coa finalidade de garantir un bombeo efectivo aos puntos máis elevados da nova rede construída nesta zona da parroquia de Lamas, cuxa entrada en funcionamento agarda nestes momentos pola autorización de Augas de Galicia e da Consellaría de Sanidade.
O orzamento de toda esta actuación está cuantificado en 36.281,72 euros, impostos incluídos. Para executala, o Concello ten aberto ata este sábado 22 de xuño o período de recepción de ofertas, dentro dun procedemento ordinario que se resolverá como un contrato menor.