A Coruña acolleu por primeira vez este evento que rende homenaxe ao estudantado con mellores expedientes de Galicia na ABAU 2024
A alcaldesa, Inés Rey, participou esta mañá na gala dos premios MEGABAU, organizada polas universidades galegas e a Consellería de Universidades, e que contou coa colaboración do Concello. Por primeira vez, A Coruña acolleu esta gala que contou coa presenza de máis de 4.000 persoas no Coliseum, entre eles os 1.086 premiados por sacar máis dun 9 de media na ABAU 2024, ademais dos equipos docentes e familiares.
“Que hoxe esteades aquí é froito dun longo e difícil camiño. Do voso esforzo, pero tamén do das vosas familias, os vosos mestres e mestras e os vosos compañeiros e compañeiras”, sinalou a alcaldesa durante a súa intervención. A rexedora estivo presente durante a entrega de premios ás persoas estudantes de 230 centros educativos de Galicia. Rey estivo acompañada polo reitor da UDC, Ricardo Cao, como máximo responsable da universidade anfritioa, que felicitou ao alumnado polo “esforzo e traballo” realizado nos últimos anos.
“Cando falamos de que sodes o futuro non o dicimos como unha frase baleira, senón porque, chegado o momento, cada unha das rapazas e rapaces que hoxe estades aquí seredes unha referencia á que ollarán as nenas e nenos das vindeiras xeracións”, apuntou a alcaldesa.
No acto tamén estiveron presentes o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o reitor da USC, Antonio López; e o reitor da UVigo, Manuel Joaquín Reigosa.