Friday 22 de November de 2024

Ponteceso presenta a súa programación cultural, deportiva e lúdica para este verán, con actividades para todos os públicos


 Entre as actividades destacan un campamento nocturno, unha saída ao Aquapark de Cerceda, deportes acuáticos, danza e deportes de raqueta, entre outros

 As inscricións para as actividades están abertas desde o 25 ata o 27 de xuño ás 14 horas ou ata que se esgoten as prazas

 Durante o verán o Concello acolle outras actividades culturais, lúdicas e deportivas, que van desde festas populares como a Festa do Percebe, actuacións musicais ou o Torneo de Fútbol do Concello

O Concello de Ponteceso presenta a súa programación cultural e deportiva para este verán, cun campamento nocturno, unha saída ao Aquapark de Cerceda, deportes acuáticos, danza, deportes de raqueta e outros eventos para que todas as franxas de idade teñan cabida.
As inscricións para as actividades están abertas desde o 25 ata o 27 de xuño ás 14 horas ou ata que se esgoten as prazas. A petición municipal, realizaranse preferiblemente a través da sede electrónica do Concello, ou de xeito presencial tanto nos departamentos de Cultura e de Deportes como na oficina municipal en Corme, o martes 25 de xuño, de 9 a 13 horas.

As prazas adxudicaranse, de ser necesario, por sorteo público, o 28 de xuño ás 10 horas no salón de plenos, tendo preferencia as persoas empadroadas. Cada actividade require, ademais, dun número mínimo de persoas inscritas para a súa celebración, e os horarios poderán modificarse segundo as necesidades que se presenten.

Actividades deportivas e culturais

As actividades darán comezo co Campamento Nocturno, dirixido á rapazada nada entre o 2012 e o 2017. Terá lugar do 3 ao 4 de xullo no pavillón de Corme, cun total de 20 prazas.
O 8 de xullo farase unha saída ao Aquapark de Cerceda, para nenos e nenas nados entre os anos 2007 e 2014. As prazas estarán limitadas á capacidade dun autobús, que se irá enchendo por orde de inscrición. Para participar na actividade será imprescindible saber nadar.

En canto aos deportes de raqueta establécense tres actividades diferentes: iniciación ao pádel, bádminton e tenis de mesa e perfeccionamento ao pádel.

Iniciación ao pádel, que terá lugar do 10 ao 12 de xullo na pista de pádel, conta con tres quendas, con 6 prazas para cada unha delas; bádminton e tenis de mesa, que se celebrará do 15 ao 18 de xullo no pavillón terá un total de 24 prazas e, por último, perfeccionamento ao pádel, que contará con tres quendas e un total de 6 prazas por quenda, realizarase na pista de pádel do 5 ao 8 de agosto.
As actividades de kaiak e pádel surf, dirixidas á mocidade nada entre os anos 2007 e 2015, están programadas para os días 22, 23, 24, 29, 30 e 31 de xullo en dúas quendas de hora e media. Cada unha delas contará con 15 prazas e será imprescindible saber nadar.

Outra das actividades propostas é a de ‘Conecta coa danza’, destinada a crianzas de 4 anos en diante. Terá lugar os luns e os mércores de setembro, de 18:30 a 20:30 horas, no edificio das Escolas. As prazas están limitadas.

Outros eventos

Durante o verán, o Concello de Ponteceso tamén acolle outra serie de actividades culturais, lúdicas e deportivas, que van desde festas populares ata torneos deportivos ou teatro, entre outras moitas cousas.
Celebrarase a primeira edición do Trofeo Federación ‘Costa da Morte’, organizado polo club Flechas por un tubo e a Federación Galega de Tiro con Arco, o 6 e o 7 de xullo no Pinguel.
O 6 de xullo chega unha das datas máis agardadas do ano no municipio, coa celebración da XXXII Festa do Percebe.

Do 14 ao 19 de xullo será a quenda para os Campamentos Deportivos da Deputación da Coruña, o 20 de xullo será a quenda para un espectáculo de ‘Maxia na rúa, e o 21 de xullo para ‘Aéreos na rúa’.
Tamén, o 21 de xullo, celebrarase a Travesía a nado Abellariza, que terá lugar en Balarés.
O mes de agosto arrincará co Ciclo de Cine Viastela, os días 1, 2 e 3 de agosto, no Museo de Arte Contemporáneo da Costa da Morte.
A Feira Mariñeira chegará a porto o 2 e o 3 de agosto, cunha actuación musical na rúa ese mesmo día.
O 4 de agosto terá lugar a XXX edición da Festa da Bicicleta no Relleno.
O 10 de agosto será a quenda para homenaxear á emigración, coa celebración do XVII Festival de Habaneras na Praza da Ribeira.
O 13 de agosto terá lugar un espectáculo de marionetas e monicreques na rúa e o 16 de agosto teremos a Velada Cultural.

Para pechar o mes de agosto contaremos coa actuación do Mago Antón e o Trofeo de fútbol do Concello de Ponteceso no Pinguel.
Ademais, desde o 30 ata o 1 de setembro celebrarase a 42ª edición do Festiletras e desde o 31 de agosto ata o 7 de setembro Brantuas converterase no epicentro artístico coa Semana Cultural.

Por último, o 7 de setembro organizaranse uns xogos populares e o 13 de setembro un pequeno cabaret infantil.

Desde o Concello de Ponteceso animan a toda a veciñanza a participar nas actividades, que son moi variadas, e pretenden chegar a todas as franxas de idade da poboación. Do mesmo xeito, animan aos visitantes a achegarse ata o municipio a gozar de toda a programación cultural e deportiva que tanto o Concello como as distintas asociacións ofrecen para todas as persoas.