Thursday 21 de November de 2024

O Concello apoia a labor de Down Coruña coa renovación de dous convenios nominativos por importe de 55.000 euros


A alcaldesa destaca o compromiso do Goberno Municipal coas actividades que desenvolve a entidade para a inclusión e a empregabilidade das persoas con síndrome de Down

A alcaldesa, Inés Rey, e a presidenta da Asociación Down Coruña, Ana María Rodríguez Nieto, asinaron no palacio de María Pita dous convenios nominativos polos que o Concello renova o seu apoio ás actividades da entidade en favor da inclusión das persoas con síndrome de Down.
O importe total dos convenios alcanza os 55.000 euros, dos que 20.000 destínanse ao programa de mellora de habilidades das persoas con síndrome de Down. O outro convenio, enmarcado na área de Emprego, serve para fomentar a empregabilidade das persoas con Down ou outras discapacidades intelectuais.
Rey destacou que con estes convenios o Goberno local recoñece o labor de Down Coruña e aposta polo emprego como a mellor fórmula das persoas con calquera tipo de discapacidade. “O mellor exemplo do que se pode conseguir por esta vía témolo no Quiosco Down Experience, unha iniciativa que empezou a xestarse en 2020 e que se converteu nun éxito”. O Concello achegou a concesión gratuíta do emblemático edificio da praza de Ourense e renovouna en xaneiro pasado por cinco anos máis, prorrogables a outros cinco.
Neste ano 2024, O Concello, a través da Concellaría de Benestar Social mantén convenios nominativos por máis de tres millóns de euros con entidades que traballan pola inclusión, a loita contra as adiccións, os maiores, a infancia, a discapacidade e a defensa dos dereitos e o benestar de persoas enfermas e os seus familiares.