O concelleiro Gonzalo Castro destacou a calidade da obra dun artista moi vinculado á cidade e cunha ampla traxectoria
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou esta tarde a mostra antolóxica ‘Cheché Martín. A vida nun trazo’, que busca render homenaxe á traxectoria do pintor coruñés. A mostra estará aberta á cidadanía, con acceso de balde, na sala de exposicións de María Pita ata o vindeiro 28 de xullo. O edil estivo acompañado de Rubén Ventureira, comisario da exposición, e Marita Carmona, filla do artista.
A exposición das súas pinturas enmárcase no centenario do nacemento do artista. “Na Coruña temos memoria e sempre que temos ocasión queremos honrar aos nosos principais artistas, mais tamén queremos que a cidadanía descubra a outros non tan coñecidos. Por iso a nosa alcaldesa Inés Rey quixo que María Pita acollese esta mostra tan singular de pinturas inéditas ata o momento”, dixo Gonzalo Castro.
Castro agradeceu o traballo de investigación de Rubén Ventureira e Marita Carmona acerca da figura artística de Cheché Martín, a máis descoñecida ata o de agora, e a xenerosidade da familia do pintor e de Arsenio Iglesias por ceder as súas obras e diferentes documentos para a ocasión. A exposición estrutúrase en cinco partes: os seus inicios en América, os artistas europeos como froito de inspiración, o seu retorno a América, o regreso a España e os seus últimos anos.