· Esta ferramenta busca dar servizo aos turistas e, ao mesmo tempo, dinamizar a economía local.
· Inclúe propostas de diferentes plans que facer en Camariñas, coñecendo os principais recursos do municipio.
· Sandra Insua destaca a “utilidade de que, desde o seu propio móbil, cada turista teña na man todos os recursos do concello”.
O Concello de Camariñas presentou hoxe a súa nova guía turística interactiva (https://guia.turismocamarinas.net/es/inicio#1718886200888), creada co obxectivo de facer máis accesible a información dos seus principais atractivos e mellorar a experiencia das persoas que visitan o municipio.
No acto, que se levou a cabo na Casa de Pedra e no que participou a alcaldesa, Sandra Insua, xunto co representante da empresa encargada de executar esta aplicación, fíxose unha pequena demostración das súas funcionalidades.
Esta ferramenta, que se financiou a través dunha subvención de Turismo de Galicia, busca dar servizo aos visitantes pero tamén, ao mesmo tempo, dinamizar a economía local xa que estará permanentemente aberta á actualización de contido e á incorporación de nova información sobre os negocios locais ligados ao sector.
Sandra Insúa destacou “a utilidade de que, desde o seu propio móbil, cada turista teña na man todos os recursos do concello dun xeito visual, intuitivo e áxil” e animou aos hosteleiros presentes a que “a usedes, recomendándolla aos turistas que aloxades” e a que “aportedes as vosas ideas para poder dotala de máis contido continuamente”.
A rexedora tamén destacou que “é unha iniciativa sostible que substitúe aos tradicionais folletos de papel, é dinámica porque pode actualizarse de xeito sinxelo e, sobre todo, é moi útil porque facilita o traballo de calquera axente do sector turístico”.
Unha ferramenta funcional
Esta nova guía interactiva, que funciona a través dunha web-app, permite que a persoa usuaria cree mapas turísticos por diferentes temáticas: aloxamento, praias, rutas de sendeirismo, patrimonio natural… O que se busca é organizar esa información turística facilitando a experiencia da persoa visitante.
Ademais, na aplicación xa se ofrecen algúns plans xa concretos, como o imprescindible para ver se queres visitar Camariñas nun día. A posibilidade de crear este tipo de paquetes permitirá ir xerando novos contidos dun xeito sinxelo. Por exemplo, podería crearse unha ruta de miradores, unha de artesanía, etc.
Polo momento esta ferramenta está aloxada na web de turismo (https://turismocamarinas.net) e pode accederse a ela desde o banner ‘Guías interactivas’.