O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla e Miguel Riveira e Chema Escudero, presidente e secretario respectivamente do Scalextric Club Ferrolterra, presentaron hoxe o “Europenan Rallyslot Legends 2024 Cidade de Narón” que se celebrará este sábado, día 22, no pavillón municipal de Sedes. A convocatoria, segundo indicaron, reunirá a medio cento de participantes chegados de diferentes puntos de Galicia, Asturias e tamén de Portugal, así como un convidado de Mexico.
Dende o Scalextric Club Ferrolterra explicaron que se realizarán un total de catro etapas, con 24 tramos. Das seis probas de que consta o rally esta é a cuarta que se celebra, quedando aínda pendentes as programadas nas Rías Baixas e en Portugal.
As verificacións dos coches realizaranse pola mañá, ás 9:00 horas e ás 10:00 sairá o primeiro vehículo. Disputaranse os premios en catro sección, dúas pola maña de seis tramos cada unha e outras tantas pola tarde, tal e como indicaron dende o club. Pola tarde a competición retomarase ás 15:30 horas. Os coches realizarán un percorrido en seis pistas independentes pechadas e cronometraranse os tempos de cada un. Disputaranse as categorías Grupo B, Grupo 4 e Grupo 2 e haberá un trofeo máster e outro infantil.
Dende o Scalextric Club Ferrolterra agradeceron a colaboración do Concello de Narón neste evento, que se celebra por terceiro ano. Pola súa banda, o edil de Deportes, animou ás veciñas e veciños a acudir a esta convocatoria “co fin de desfrutar dunha xornada na que se misturarán a competición e o automobilismo en miniatura”.