O Concello crea o Premio Tomás Fábregas para reivindicar a figura do activista coruñés
Haberá actividades para todas as idades durante tres semanas e o Orgullo de Barrio esténdese a Os Castros e Monte Alto, ademais do Ventorrillo
A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá a programación do Orgullo coruñés, que comezará este sábado 22 de xuño e prolongarase ata o 10 de xullo. A alcaldesa estivo acompañada de persoas responsables de distintas entidades da cidade e de Galicia que colaboraron na elaboración das actividades, representantes das entidades veciñais que participan nesta edición e as concelleiras Yoya Neira e Nereida Canosa.
“A colaboración de todas as entidades presentes amosa que o Orgullo coruñés é unha referencia a nivel galego, xa que esta é a programación máis plural e reivindicativa que fixemos”, sinalou a alcaldesa. As asociacións que axudaron ao Concello na elaboración do programa son: Casco, Alas, Palestra, Fundación 26 de Diciembre, Les Coruña, Les Working, ORCO, Corufest, Arelas e Nós Mesmas. Ademais, tamén tivo un papel importante o Espazo Diverso, o organismo municipal que programa durante todo o ano actividades inclusivas e serve de centro de asesoramento e información. Inés Rey tamén agradeceu a participación no programa das asociacións veciñais do Ventorrillo, Orillamar – Monte Alto e Oza – Gaiteira – Os Castros, estas dúas últimas como novidade deste ano, amosando o “carácter reivindicativo do tecido veciñal coruñés”.
Unha das principais novidades deste Orgullo 2024 será a primeira edición do Premio Tomás Fábregas, que a partir deste ano recoñecerá o traballo de persoas ou entidades en favor dos dereitos das persoas LGTBI+. Tomás Fábregas foi un activista coruñés recoñecido pola súa loita contra o sida e polos dereitos do colectivo. “Pensamos que existe unha débeda históricacoa súa figura e con este premio creado polo Concello buscamos reivindicalo”, dixo a alcaldesa. Nos próximos días anunciarase a persoa que recibirá este galardón na súa primeira edición, cuxo acto de entrega será o 10 de xullo ás 17.30 horas en María Pita e pechará a programación.
Outra das grandes novidades será que o día 28 de xuño vaise a “reinaugurar” o paseo da Diversidade, nos xardíns de Méndez Núñez. Restauráronse os bancos pintados coas cores das diferentes bandeiras que representan ás persoas LGTBI. Hai dous bancos coas cores da bandeira arco iris, un coas cores da bandeira trans, un coas cores da bandeira non binaria, un coa bandeira bisexual e un coa bandeira lésbica.
Ademais, cada banco terá un QR que dirixirá a un espazo habilitado na web municipal onde se recollerán datos sobre a historia das bandeiras e as reivindicacións de cada colectivo. Con este paseo da diversidade o Concello recoñece todas as realidades do colectivo e aposta pola súa visibilidade e a súa inclusión.
“Serán tres semanas de actividades para reinvicarnos como o que somos. Unha cidade diversa, aberta, tolerante e inclusiva. A Coruña é de todos e todas vós e por iso temos que vivir orgullosos e orgullosas durante os 365 días do ano”, sinalou Inés Rey, que sumou á programación o Atlantic Pride, que collerá o relevo do 7 ao 14 de xullo.
Programación completa
Este ano a programación do Orgullo é moi variada e inclúe actividades artísticas, teatrais, coloquios, talleres e cinema, en distintos recintos e para todas as idades e públicos.
As actividades comezan este sábado 22 de xuño co coloquio “Homenaxe a Nós Mesmas. Conectando redes lésbicas en Galicia”. É un evento organizado por Les Working e Nós mesmas no que se falará da importancia do asociacionismo lésbico e dos retos das lesbianas en Galicia. Entre outras persoas de referencia intervirá a concelleira Noemí Díaz. Será ás 11.00 horas na Fundación Luís Seoane.
O martes 25 de xuño está programada a actividade “Defende ou teu lema. Taller de grafismo LGTBI” para preparar as pancartas e lemas que se utilizarán na manifestación do día 28. Será nas naves do Metrosidero ás 18.00 horas e está dirixida a menores de 30 anos.
O mércores 26 de xuño representarase “Vaga e maleanta”, un cabaret de Oniria Teatro, no Forum Metropolitano ás 20.30 horas con entrada libre ata completar capacidade. O xoves 27 de xuño levarase a cabo unha recepción ás entidades de defensa do dereitos LGTBI da cidade en María Pita. “Desta maneira buscamos dar importancia e relevancia ás persoas LGTBI das entidades da cidade e quixemos facer esta recepción o día antes da manifestación para animar aos coruñeses e coruñesas a asistir”, sinalou a alcaldesa. Será ás 17.30 horas no Salón de Sesións. Tamén haberá ese xoves un “Taller Drag” impulsado polo colectivo Drag Lab no Ágora ás 15.00 horas para o que haberá que inscribirse a través desta ligazón.
O venres 28 de xuño levarase a cabo a Manifestación do Orgullo, organizada e convocada por Alas Coruña. Sairá ás 19:30 da praza de Ourense para finalizar en María Pita coa lectura do manifesto.
O sábado 29 de xuño será o primeiro dos Orgullos de Barrio, no Ventorrillo. A asociación de veciños deste barrio xa organizou o seu Orgullo o ano pasado e repiten este ano con máis actividades. A festa será na rúa Alcalde Salorio Suárez e comezará ás 13:30 horas cun concerto de Sophie Simonds. Tamén haberá actividades para os máis pequenos, descubrimento de dous murais e música pola noite. O domingo 30 de xuño será a quenda da festa dos veciños de Orillamar-Monte Alto, que comezará ás 13.00 horas na praza da Travesía de Orillamar. Hai programadas actividades como DJs, zona de xogos infantil, postos de comercio artesanal, un show de drags e unha exhibición de gaitas.
O luns 1 de xullo o Circo de Artesáns acollerá a partir das 18.00 unha sesión de contacontos e un coloquio para analizar o primeiro ano da Lei Trans. O martes 2 de xullo comezará o ciclo Cinema con Orgullo, programado por Mon Rivas. “Esta é unha actividade que tivo gran acollida nos últimos anos e que estamos orgullosas de ter impulsado desde este Goberno municipal”, sinalou a alcaldesa. Proxectaranse dúas películas e catro curtas de temática LGTBI na Praza de España ás cada días ás 22.00 horas. As películas serán “Luces Azules”(martes 2) e “Faire Famille” (mércores 3) e as curtas serán “Room4”, “Habitar”, “Volver cantando” e “O Coidado” (xoves 4).
Por outra banda, os días 3 e 4 de xullo haberá talleres de debuxo con Greta Debelius no Espazo Diverso ás 18.00 e 11.00 horas, respectivamente. O 6 de xullo celebrarase o último dos Orgullos de Barrio nos Castros, en colaboración coa asociación veciñal Oza – Gaiteira – Os Castros. Comezará ás 17.00 horas na praza da Cubela e incluirá un contacontos, DJ para todas as idades e a actuación das drags Muna Duval e Obvia. O luns 8 de xullo haberá outra actividade no Espazo Diverso. Trátase do taller “Adolescencias en plural”, impartido por Sonia Martínez.