Ademais levaremos ao pleno de xuño a necesaria preparación das mocións na comisión informativa previa ao pleno, a situación das beirarrúas no Seixal e o estado de deterioro e abandono dunha vivenda rúa Concepción Arenal
Os chamados Pontos violeta son pontos de atención a vítimas de agresión sexual, LGTBIfóbica e calquera outro tipo de agresión machista. Formados por unha equipa experta de profesionais na materia, tamén conta con acompañamento psicolóxico. Entendemos que deben estar situados en pontos estratéxicos das festas, con óptima visibilidade e interacción coa cidadanía e cos profesionais cualificados arriba descritos. O Concello continuará instalando Puntos Violeta nas festividades e celebracións nocturnas realizadas nas diferentes parroquias. Todos eles terán un horario de atención de 23:00 da noite a 03:00 da madrugada. Dende o BNG de Oleiros queremos saber cal é a opinión do Goberno local sobre o funcionamento na actualidade destes pontos, en que se pode mellorar e se sería posíbel ampliar o horario alén das 3, xa que os intres posteriores (desaloxos) ao remate das festas son momentos dun gran perigo e riscos potenciais. Tamén insistiremos na necesidade de que estean presentes en todas as festas e durante todos os días que duren, nun lugar visible e accesible; por exemplo, nas festas que se celebraron recentemente en Dexo, só se instalou o primeiro día, venres, e non así o sábado.
Ademais, o noso portavoz municipal fará varias preguntas sobre temas que afectan á cidadanía, entre elas:
O BNG Oleiros pedirá unha preparación das mocións do pleno na comisión informativa previa até que non se cree a necesaria xunta de portavoces
O Goberno de AV decidiu de xeito unilateral limitar o número de mocións para os grupos con até cinco concelleiras a dúas por pleno. Recentemente o Alcalde falou de que se estaba a traballar na creación dunha Xunta de portavoces ( como existen en todos os Concellos da contorna) para o oitavo Concello con máis habitantes da Galiza. Esta limitación de mocións provoca que se poidan rexistrar un gran número de mocións, como está a suceder na práctica, para garantir a urxencia de polo menos dúas e que poidan ser consideradas polo pleno. Para evitar esta innecesaria e absurda perda de tempos e de esforzos, solicitaremos ao goberno local que en tanto en canto non teñamos unha xunta de portavoces, na comisión informativa previa a pleno se decidan as mocións que serán abordadas no propio pleno, os motivos son obvios. Chegar ao pleno cunha mínima preparación das materias e de coñecemento da orde do día, saber o que se vai tratar.
Beirarrúas impracticábeis no Seixal
Na Avenida Salvador Allende no Seixal, zona de 3 bares, as beirarrúas son absolutamente imposíbeis para persoas con mobilidade reducida , carriños de crianza e mesmo nalgún treito é preciso baixar á estrada para calquera viandante. É imprescindíbel mellorar a súa mobilidade polos perigos que supón e demais motivos obvios, demanda veciñal tamén de anos.
Pediremos ao Concello que esta xusta demanda veciñal sexa atendida.
Deterioro e abandono da vivenda do número 27 da rúa Concepción Arenal en Santa Cruz e da súa leira
Estado da vivenda do número 27 da rúa Concepción Arenal en Santa Cruz e da súa finca. Un dos puntos de paso máis frecuente. A casa, antiga e baleira desde hai algúns anos, sofre xa un visíbel proceso de deterioración que non só afecta esteticamente unha das zonas máis céntricas da vila senón que representa un perigo para as persoas viandantes. Está nun punto onde se estreita moito a beirarrúa e nos últimos tempos xa se desprendeu algún cascallo da fachada. Aí atrás puxérase á venda e ao pouco retiraron os letreiros, descoñecendo nós se xa foi vendida. Mais o certo é que segue sen os coidados mínimos mentres segue o seu deterioro. A finca que completa a propiedade hoxe está en estado de absoluto descoido, podendo afectar ás fincas veciñas e á vía pública.
Preguntaremos ao Goberno se xa requiriu os propietarios para que atendan as súas obrigas e/ou impuxo xa algunha das sancións previstas na norma por este estado de abandono.