Friday 22 de November de 2024

Ponteceso destina preto de 18.000 euros a renovar o equipamento de protección do Grupo de Emerxencias


 Os traxes de traballo do GES non se renovaban desde o ano 2014, polo que era unha actualización necesaria para poder levar a cabo as labores de mantemento e de apoio nos incendios de forma eficiente

 Segundo indicou o alcalde, José Manuel Mato, “a idea é ir renovando os equipos de protección segundo o vaian necesitando os empregados deste servizo”

O Grupo de Emerxencias Supramunicipal do Concello de Ponteceso conta desde este mes cun novo equipo de protección para realizar o seu traballo de mantemento e apoio á extinción de incendios.

O alcalde, José Manuel Mato, e o concelleiro de Emerxencias, Juan Ramón Vida, recibiron o novo material para que os seus traballadores poidan levar a cabo as súas tarefas de forma óptima, coas condicións de seguridade axeitadas.

O investimento para adquirir este novo equipamento é de 17.968 euros, financiados na súa totalidade pola entidade local.

Os traxes de traballo do GES non se renovaban desde o ano 2014, polo que era unha actuación necesaria para poder levar a cabo os labores de mantemento e de apoio nos incendios de forma eficiente.
Segundo indicou o alcalde, José Manuel Mato, “a renovación destes traxes era unha actuación necesaria para garantir a seguridade dos traballadores do Grupo de Emerxencias” e engadiu que “a idea é ir renovando os equipos de protección segundo o vaian necesitando os empregados deste servizo”.

O rexedor subliñou que “esta é unha mostra máis do apoio do noso equipo de goberno ao grupo de emerxencias e ao seu importante labor, que día a día realizan intervencións en toda a comarca, sendo unhas das primeiras liñas de acción ante as intervencións de emerxencia”.