Co mes de xuño comezou a tempada alta de visitas ao Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal. Nas últimas semanas pasaron pola torre de Bermúdez máis de duascentas persoas entre visitas grupais concertadas e o público que atrae habitualmente esta institución museística.
A axencia de viaxes Bivestour, de Vigo, descubriu este ben de interese cultural (BIC) no día 6, mentres que alumnado de bacharelato do IES Monelos, da Coruña, fixo o propio no día 18. Da man do director deste museo, Antonio González, coñeceron as singularidades deste histórico edificio, os fondos excepcionais que atesoura e afondaron na traxectoria vital e literaria de Ramón del Valle-Inclán. E, precisamente, para que dispoñan sempre de información sobre este inmoble, recibiron cadansúa guía.
Esta acción enmárcase na liña estratéxica da Concellaría da Cultura para divulgar a biografía e bibliografía do escritor, os recursos inéditos e orixinais da institución valleinclaniana e contribuír á dinamización cultural da vila.
Como información de interese para futuras visitas, adáptase o horario á demanda das persoas usuarias durante o período estival: de martes a sábado, de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 20.00 horas. Para outros servizos e consultas tamén están ao dispor os teléfonos de contacto 981831662 e 681173484, ademais do enderezo electrónico museo.valleinclan@apobra.gal.