Friday 22 de November de 2024

A Zona Azul queda suspendida do 21 ao 28 de xuño, coincidindo coa Semana Grande de San Xoán


A Concellaría de Planificación Urbana, Mobilidade e Seguridade establece a suspensión da limitación do aparcamento en Zona Azul entre os días 21 e 28 de xuño, ámbolos dous incluídos, coincidindo coa Semana Grande de San Xoán. Durante estes oito días os condutores e condutoras poderán estacionar os seus vehículos libremente nas prazas nas que habitualmente está limitado a 90 minutos o tempo máximo de estacionamento.

 

Tal como establece a ordenanza municipal sobre circulación e utilización das vías públicas no seu artigo 18, “a autoridade municipal, en casos de emerxencia ou ben pola celebración de actos deportivos, culturais ou de calquera outra natureza, susceptibles de producir grandes concentracións de persoas ou vehículos, poderá modificar temporalmente a ordenación do tráfico existente e adoptar, no seu caso, todas as medidas preventivas necesarias para garantir a seguridade das persoas e vehículos e unha maior fluidez na circulación”.

 

Plan de tráfico

Dentro das medidas propostas pola Policía Local de Carballo tamén figura, como todos os anos, o establecemento de vías de acceso alternativas para as persoas residentes e/ou usuarias de garaxes nas rúas que permanecerán pechadas durante as festas.

 

O traslado das atraccións desde o San Martiño ata o Rego da Balsa tamén implicará cambios. Deste xeito, o San Martiño poderá utilizarse para estacionar, aínda que os aparcadoiros recomendados pola Concellaría de Mobilidade para estas datas son o situado a carón do Centro Comercial Bergantiños e os da contorna do Pazo da Cultura, nos que se está a reforzar a sinalización.

 

Na zona do Rego da Balsa poderán realizarse cortes de tráfico na rúa Perú coincidindo coas grandes actuacións programadas nese ámbito: a verbena coa orquestra Olympus, o día 21; o Rockin, o 22, e a gran cachela popular do día 23. Así mesmo, para facilitar o ocio nocturno, como xa vén sendo habitual todos os anos, poderá pecharse a rúa Estrela.

 

En canto á contorna da Praza do Concello, que seguirá sendo o centro da festa, realizaranse os cortes habituais coincidindo coas procesións e as grandes actuacións nocturnas.

 

A Concellería de Mobilidade e a Policía Local de Carballo piden desculpas polas posibles molestias e agradecen a colaboración da cidadanía para facer posible a conciliación dos distintos usos que teñen as rúas máis céntricas durante a celebración das festas patronais.