Friday 22 de November de 2024

O ciclo “Xullo, mes da patria” trae este ano a Fene a Caamaño&Ameixeiras e Grande Amore


O venres 5 de xullo repartiranse as invitacións para asistir ao monólogo do humorista Carlos Blanco

 

Cunha festa infantil a cargo de La Guagua botará a andar o venres 5 de xullo, ás 18.00 horas, o ciclo “Xullo, mes da Patria”, organizado pola Concellería de Cultura de Fene. Nesta primeira cita, dirixida aos máis pequenos da casa, haberá inchables, xogos de auga e animación na Praza do alcalde Ramón José Souto González, escenario de boa parte das actividades. Ese mesmo día pola mañá, a partir das 10.00 horas, repartiranse na Casa da Cultura de Fene as invitacións para asistir ao espectáculo que ofrecerá o monologuista Carlos Blanco o mércores 10. Entregaranse dúas entradas por persoa adulta até completar o aforo.

Trala festa infantil coa que se inaugura o programa, o ciclo “Xullo, mes da Patria” continuará o martes 9 ás 21 horas, na praza do CPS de San Valentín, co espectáculo familiar Peor Imposible, do clown Peter Punk. Función programada coa colaboración do CPS de San Valentín e Agadic.

Tamén a xornada do mércores 10 estará adicada ao humor co monologuista Carlos Blanco como protagonista. A función comezará ás 21.30 horas na praza do alcalde Ramón J. Souto González con entrada gratuíta (previa recollida de invitacións -2 por persoa adulta- o venres 5 de xullo, ás 10.00 horas, na Casa da Cultura). Función programada coa colaboración da Rede Cultural da Deputación, ao igual que os concertos do día seguinte.

O xoves 11 de xullo a partir das 21.00 horas actuarán na Praza do alcalde Ramón J. Souto González Caamaño&Ameixeiras co espectáculo Quitar o aire e Grande Amore, presentando o seu último disco II. Entrada libre e de balde.

E xa para pechar o programa, o venres 12 de xullo ás 20 horas, Alexandre Marín –fillo do debuxante e humorista gráfico Xaquín Marín- será o encargado de ler Declaración Institucional polo Día da Patria Galega a carón do monumento instalado no parque liñal do río Cádavo. E, a partir das 21 horas, comezará a carón da Casa do Concello o tradicional Festival de Habaneiras e Canto Coral, no que tomarán parte as corais e rondallas do concello.