Friday 22 de November de 2024

O Concello de Brión adhírese a un convenio con Ames, Dodro e Padrón para promover a ruta turística e cultural “As pegadas de Rosalía”


O Pleno do Concello de Brión aprobou por unanimidade a adhesión do municipio a un convenio para a promoción da ruta turística y cultural “As pegadas de Rosalía” canda os municipios de Ames, Dodro e Padrón. Unha adhesión que suporá unha achega ordinaria de 2.000 euros/ano e un máximo de 1.000 euros anuais de achega extraordinaria.

Previamente, o Pleno municipal desistira do acordo tomado en outubro de 2020, no que se aprobara a adhesión do Concello de Brión á Asociación de Concellos da Ruta Rosaliana “As pegadas de Rosalía”, toda vez que a devandita asociación non chegou a crearse. Agora, con data de 22 de maio de 2024, presentouse un convenio entre os concellos de Ames, Brión, Dodro e Padrón para promover este itinerario turístico e cultural que une aos municipios nos que se desenvolveu a vida da poetisa galega.

O Concello de Padrón será o encargado da representación desta ruta turística, así como o responsable de solicitar as subvencións que correspondan e xestionar todos os trámites administrativos. O Concello de Brión estará representado polo seu alcalde, Pablo Lago Sanmartín; pola concelleira de Turismo, Guarina Rey Vázquez; e polo técnico municipal de Cultura, Alberto Álvarez Escudero.

Actualización de prezos

Nunha sesión rápida e sen apenas debate, aprobouse tamén por unanimidade a actualización dun 2,81% na taxa polo saneamento e depuración de augas, correspondente ao 85% do IPC do ano anterior (contabilizado de abril de 2023 a abril de 2024). Así mesmo, o Pleno tomou coñecemento dos cambios nas representacións do grupo municipal do Partido Popular nas Comisións Plenarias, tras a substitución de Adrián García por Emilio Jesús Aparicio Pérez.

Finalmente o Pleno desestimou unha moción do BNG na que instaba a dirixirse á Xunta de Galicia para que informara negativamente o proxecto de instalación de Altri en Palas de Rei, manifestar o rexeitamento a este complexo industrial e esixirlle ao Goberno galego a aprobación dunha alternativa para a dinamización socioeconómica da Ulloa, Terra de Melide e Alto Ulla.

A voceira municipal socialista, Sandy Cebral, compartiu co BNG “o rexeitamento á instalación de calquera iniciativa que supoña unha afección para o noso medio ambiente ou para a saúde da veciñanza. Pero sempre cumprindo escrupulosamente a lei”. Por iso, Cebral solicitou a retirada de dous dos tres puntos da moción, lembrando que “nós non somos quen para pedirlle a ningunha Administración que informe negativamente un proxecto. Quen emite os informes son os técnicos, non os políticos”. Así mesmo, lembrou que “estamos en Brión, polo que postos a pedirlle á Xunta a aprobación de alternativas para a dinamización socioeconómica, pedímolas para Brión, non para outras zonas”. Así, anunciou que de non ser aceptada a emenda, o grupo socialista votaría en contra da moción.

Pola súa banda, a voceira do Partido Popular, María Faraldo, xustificou o voto negativo do seu grupo a que Altri xerará 2.500 empregos directos e indirectos, cifra que chegaría aos 4.000 durante a construción das instalacións. Así mesmo, lembrou que “o BNG apoiaba Altri hai dous anos” e criticou “a última das contradicións ás que nos ten afeitos o BNG tal e como ten acontecido con Inditex, Finsa ou a AP-9”.

O voceiro do BNG, Xosé Luís Penas, respondeu aos populares que “non cambiou o BNG, cambiou o proxecto” e negouse a alterar a moción, como pedían os socialistas, asegurando que “noutros concellos aprobouse sen mudar os puntos”. Un punto no que a voceira socialista tamén lle lembrou que “hai uns días os seus compañeiros de Santiago retiraron esta moción, porque o que non podemos facer é instar á Xunta a prevaricar”.

Ao non aceptarse a emenda, a moción foi rexeitada cos 8 votos en contra de PSOE e PP, fronte a 1 voto a favor do BNG (xa que na sesión faltaron catro concelleiros, dous do BNG, 1 do PSOE e 1 do PP).