Veciñanza da Pobra do Caramiñal potencia nas últimas semanas a súa creatividade a través dos cursos de arte floral organizados pola Concellaría da Participación Veciñal no afán de dinamiza-lo rural con actividades.
Estes talleres impártense neste mes de xuño no centro sociocultural da Ribeiriña, se ben xa estiveron en funcionamento no do Campiño en maio.
Adornos para estancias, grilandas ou complementos para eventos festivos son algúns dos elementos confeccionados nestas semanas seguindo as instrucións de profesionais das florarías.
Outras accións impulsadas no que vai de ano por parte da Administración local para a revitalización dos núcleos rurais son a creación dun xardín veciñal, exercicio terapéutico baseado no tai-chi e os obradoiros de artesanía Feito coas túas mans: unha serie de propostas tamén encamiñadas a xerar un espazo de encontro para a veciñanza.