Friday 22 de November de 2024

Rematan os traballos na avenida Salvador de Madariaga, renovando 1,5 quilómetros de firme entre os barrios de Matogrande, Elviña e Catro Camiños


Tamén se renovou o pavimento do carril bici da avenida desde o cruzamento coa rolda Camilo José Cela ata a avenida de Monelos, pasando a ser de cor vermella para diferenciar os percorridos específicos

A intervención contou cun investimento total de máis de medio millón de euros. Tamén se adaptou a calzada para a evacuación de augas pluviais cara a rede de sumidoiros lateral

O Concello da Coruña rematou as obras na avenida Salvador de Madariaga para a renovación do firme da calzada entre os barrios de Matogrande, Elviña e Catro Camiños. A falta duns pequenos detalles de pintado do cebreado e nivelado de tapas, o Goberno de Inés Rey conclúe unha actuación de mellora de arredor de 19.000 metros cadrados. Un treito cunha lonxitude de case 1,5 quilómetros entre a rotonda de Camilo José Cela con Matogrande, a avenida Salvador de Madariaga e a rúa Caballeros e que contou cun investimento de case 600.000 euros.

O plan de obra estruturouse en dúas fases e realizouse en horario nocturno, das 23.30 ás 06.00 horas co obxectivo de facilitar o tránsito do tráfico rodado nas súas horas de máis actividade. Na primeira fase acometéronse tarefas de fresado na rúa Caballeros, desde o seu cruzamento con Montevideo e na rotonda coa avenida de Monelos. Tamén en Salvador de Madariaga, exceptuando a rotonda de Matogrande. Xa na segunda quenda incidiuse no estendido da capa de rodadura en puntos da avenida Salvador de Madariaga ata chegar á glorieta que conecta con Matogrande e a rolda Camilo José Cela, onde tamén se actuou para mellorar o firme en ambos sentidos, ata a altura do cruzamento coa rúa Luis Quintas Goyanes.

Ademais, en paralelo aos traballos na calzada, o Concello renovou o pavimento do carril bici, agora de cor vermella, co obxectivo de diferenciar os percorridos específicos na avenida Salvador de Madariaga, desde o cruzamento coa rolda Camilo José Cela ata a avenida de Monelos. O Goberno de Inés Rey avanza así no seu plan para mellorar os itinerarios de mobilidade branda da cidade, homexeneizando a estética dos percorridosnos barrios.