Friday 22 de November de 2024

Raquel Piñeiro e Manolo Varela presentan en Allariz os programas municipais de posta en valor do rural e da soberanía alimentaria


Ambos edís participaron na xornada “Os Concellos galegos: un papel fundamental na alimentación local sostible”

 

Allariz acolleu este martes a xornada “Os Concellos galegos: un papel fundamental na alimentación local sostible”, organizada polo concello da vila ourensá e a Rede de Municipios pola Agroecoloxía para debater sobre o papel que os Concellos poden desenvolver para garantizar unha alimentación máis sostible e local, apoiando ademais os recursos e axentes do seu territorio. No encontro participaron os municipios de Ames, A Pobra, Allariz, Ribeira, A Teixeira, Lugo, Tomiño, Brión, Vegadeo, Vilardevós e tamén San Sadurniño, representado por Raquel Piñeiro -concelleira de Axenda 2030 e Participación veciñal- e por Manolo Varela, titular da área de Desenvolvemento local.

A organización concibiu a xornada como unha oportunidade de diálogo entre persoas, entidades e institucións “interesadas e sensibilizadas coa produción, a transformación, a comercialización e o consumo de alimentos locais, con vistas á sostibilidade social, ambiental e económica”, apunta Raquel Piñeiro.

Neste sentido, San Sadurniño expuxo a súa traxectoria neste ámbito falando de proxectos vinculados directamente á terra e á “posta en valor do sector primario” -engade Piñeiro- como é o caso da creación da Horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos, o fomento da formación en materia agroalimentaria -cos cursos anuais de fruticultura e apicultura e as xornadas Apostando polo sector primario-, as feiras sectoriais anuais ou o novo programa Terra de Vida, dirixido á interpretación dos valores ambientais dos arredores do centro urbano de San Sadurniño.

O Concello de San Sadurniño tamén dedicou boa parte da súa intervención no foro municipal de Allariz a falar sobre o proxecto A Fusquenlla como exemplo “dunha aposta decidida polas nosas potencialidades e pola soberanía alimentaria”, asegura Manolo Varela, un dos principais valedores da iniciativa promovida nun principio por San Sadurniño e Moeche e na que agora xa hai sete concellos implicados.

A xornada celebrada en Allariz estivo organizada polo Concello ourensán e pola Rede de Municipios pola Agroecoloxía, que agrupa entidades locais de todo o Estado comprometidas coa busca -dentro do seu ámbito competencial- de alternativas produtivas respectuosas co ambiente e sostibles desde o punto de vista económico e social.

A mesa dedicada aos consistorios, na que San Sadurniño foi un dos convidados, abordou entre outras cuestións as dificultades e oportunidades que se presentan para a posta en marcha de políticas alimentarias locais e de proximidade.