A área municipal de Igualdade publicou esta mañá no tablón de anuncios municipal a relación provisional das crianzas admitidas e excluídas na quenda de xullo da Aldea de Verán, así como as preadmitidas para o mes de agosto. Das 59 peticións recibidas (sumando ambos meses), o Concello aceptou 35 para xullo, de maneira que quedarían tres en lista de agarda e unha que non podería participar do servizo por incumprir os requisitos de idade. As 20 rexistradas para agosto foron todas admitidas. En calquera caso, a resolución publicada hoxe ten carácter provisional, xa que se poderán presentar alegacións ata o luns día 24 de xuño (incluído).
A asignación das prazas da Aldea de Verán fíxose seguindo os criterios establecidos nas bases, nas que se lles dá prioridade -por esta orde- ás familias empadroadas no concello, ás que teñan vencellos laborais no territorio, ás nenas e nenos que non sexan de San Sadurniño pero que veñan aquí á escola e, por último, a calquera outra petición recibida, atendendo unicamente á orde de entrada no rexistro municipal.
O Concello recibiu 39 solicitudes para as 35 prazas dispoñibles para o mes de xullo, de maneira que na asignación provisional quedaron fóra tres peticións cursadas por familias que non están empadroadas en San Sadurniño e que tampouco teñen vinculación laboral co municipio. O rexeitamento da cuarta solicitude debeuse a que a crianza non cumpría as condicións de idade para poder participar no servizo.
Con todo, desde Igualdade lémbrase que as persoas que non obtivesen praza para as súas nenas ou nenos teñen tres días hábiles para presentar as alegacións que consideren oportunas. O prazo remata, polo tanto o próximo luns, 24 de xuño, e o trámite pode facerse presencialmente ou a través da Sede Electrónica municipal.
Toda a información sobre o período de pago, a convocatoria da xuntanza informativa para as familias e o segundo prazo para realizar solicitudes de prazas vacantes para o mes de agosto darase a coñecer unha vez que a lista de xullo se eleve a definitiva.