Sunday 24 de November de 2024

A Torre, Luísa Villalta e o deporte coruñés protagonizan a falla de San Xoán


O luns 24 haberá unha xornada de portas abertas nos Museos Científicos

O Concello da Coruña comeza este mércores os traballos de montaxe da falla deste San Xoán, que será queimada o domingo dentro dos festexos do 23 de xuño na praia de Riazor. Como é habitual, o deseño busca facer mención a diferentes cuestións de actualidade para a cidade.

Este ano Luísa Villalta, a Torre de Hércules e o deporte coruñés serán os grandes protagonistas. A escritora coruñesa formará parte da falla logo de ser a autora homenaxeada neste Día das Letras Galegas 2024. O Goberno de Inés Rey promoveu, ademais, diferentes actos para honrar a súa figura durante os últimos meses. Por outra banda, a Torre de Hércules, con motivo do 15 aniversario da súa declaración como Patrimonio da Humanidade, será o centro da composición. O Deportivo, masculino e feminino e o Básquet Coruña tamén estarán presentes na falla para conmemorar os seus ascensos desta tempada.
A programación do San Xoán coruñés comezará o xoves 20 co concerto que a Banda Municipal de Música dará no Campo da Leña a partir das 20.00 horas. O venres 21 haberá un pasarrúas da asociación cultural Donaire en Catro Camiños, a partir das 19.00 horas. O sábado 22 haberá outro, tamén de Donaire, pola zona de Riazor, á mesma hora.

Por outra banda, o luns 24 haberá unha xornada de portas abertas nos Museos Científicos Coruñeses para conmemorar o San Xoán. As persoas que desexen visitar o Aquarium Finisterrae deberán reservar entradas, a partir do venres 21 de xuño ás 12.00 horas. Para facilitar o acceso ás persoas maiores de 65 anos, estas poderán acceder sen reserva, acompañadas doutra persoa se o precisan. Para visitar as salas de exposicións da Casa das Ciencias e á Domus non é preciso realizar reserva, pero para asistir a unha sesión de planetario na Casa das Ciencias hai que realizar unha reserva de entradas a partir do venres 21 de xuño. O horario de apertura dos Museos Científicos Coruñeses será de 10.00a 19.00, co último acceso ás 18.00 no Aquarium Finisterrae e ás 18.30 horas na Casa das Ciencias e a Domus.
A noite de San Xoán haberá, como é costume, madeira a disposición da cidadanía nas praias a partir das 19.00 horas. Os fogos de artificio lanzaranse ás 00.00 horas. Tras a sesión, queimarase a falla e, aproximadamente ás 00.20 horas, comezará o concerto de Mikel Erentxun na explanada do Palacio dos Deportes.

Amplo dispositivo coordinado polo Concello

Como cada ano, o Concello da Coruña coordina un amplo dispositivo de seguridade no que están integradas 650 persoas de diferentes corpos de seguridade. O obxectivo é garantir o correcto desenvolvemento duns festexos declarados Festa de Interese Turístico Internacional e que reúnen cada ano a máis de 150.000 persoas na contorna das praias de Orzán, Riazor e Matadoiro.

O Centro de Mando Móbil volverá estar instalado na Coiraza e o dispositivo comezará oficialmente ás 05.30 horas do día 23. Os cortes de tráfico no paseo marítimo produciranse a partir das 19.00 horas e o baño estará prohibido desde as 22.00 horas. O dispositivo funcionará a pleno rendemento ata as 06.00 horas do 24 de xuño, cando se desaloxarán as praias para a súa limpeza. Desde o Goberno local inciden na importancia de recoller os residuos no momento que se abandonen as praias, pois está previsto que a pleamar sexa ás 6.39 horas da mañá sen apenas marxe para que poidan actuar os servizos de limpeza. Ademais, este ano a vixilancia reforzarase por segundo ano co uso dos drons da Policía Local.

Transporte público

Establecerase un dispositivo especial de transporte público, consistente en oito liñas especiais que comunicarán os barrios coa praza de Pontevedra. Terán cada unha delas unha frecuencia de 10-15 minutos ata as 02.30 horas. O servizo nocturno estará operativo entre as 03.00 e as 06.30 horas cunha frecuencia de 30 minutos. Os tempos son aproximados e poderían variar en función do tráfico. As liñas que estarán dispoñiblesdurante a noite de San Xoán serán: 1, 1A, 3, 3A, 6, 7, 11, 21 e unha circular entre a Cidade Vella e Monte Alto (3A). Ademais, o servizo nocturno, con saídas cada media hora, seguirá o seu itinerario habitual. O obxectivo é conectar todos os barrios da cidade coa praza de Pontevedra e permitir un desprazamento cómodo e seguro da cidadanía.

Puntos violeta

Como os dous últimos anos, o Concello da Coruña habilitará tres puntos violeta no Paseo Marítimo. Terán a súa base na zona das Escravas, fronte á Coiraza e na fonte dos Surfeiros, mais, como novidade, serán puntos móbiles, dado que o persoal de atención dos puntos violeta se desprazará polo espazo no que se celebre a festa. Estes puntos son espazos seguros que lle ofrecen información á cidadanía en xeral e asesoramento e atención psicolóxica ás adolescentes e mulleres en materia de violencia machista, sobre todo aquelas relacionadas coa violencia sexual. O horario de atención destes espazos será de 22.00 a 04.00 horas do 24 de xuño.