Friday 22 de November de 2024

O Concello organiza unha visita guiada á Fundación Barrié para coñecer a mostra do Barroco veneciano


O Concello organiza unha visita guiada á Fundación Barrié para coñecer a mostra Deuses e heroes do Barroco veneciano. De Tintoretto a Luca Giordano e Sebastiano Ricci. Será o xoves 27 de xuño en horario de tarde.

A exposición Deuses e heroes do Barroco veneciano. De Tintoretto a Luca Giordano e Sebastiano Ricci é unha viaxe de descubrimento da mitoloxía, os heroes e os deuses que protagonizaron as narrativas de artistas que, cun extraordinario talento creativo e unha inspiración exuberante, foron capaces de transmitir a poética barroca no ronsel da tradición pictórica veneciana. As 52 obras (34 pinturas e 18 libros datados entre os séculos XVI e XVIII) que compoñen a mostra forman parte da colección da Fundación Querini Stampalia.

Con esta exposición, a Fundación Barrié quere traer a Galicia unha colección que exemplifica a relación entre o mecenado privado e o desenvolvemento urbano. Venecia, unha das cidades máis importantes no imaxinario cultural do mundo, foi non só a destinataria do coleccionismo dos Querini, senón tamén o propio motivo de fondo que conduce as iniciativas desta familia, que se atopaba entre as orixinarias no momento da fundación da cidade-Estado e participou activamente nos eventos políticos, artísticos e económicos da urbe ao longo de toda a súa historia.

As persoas interesadas en participar poderán apuntarse a través da sede electrónica a partir de mañá mércores, desde as 10.00 horas. No caso de que algunha persoa non lle sexa posible realizala así, poderá facelo na Fábrica en horario de mañá de 10.00 a 14.00 horas. As prazas ocuparanse por rigorosa orde de solicitude.