Friday 22 de November de 2024

O Concello lembra a importancia de respectar as normas de seguridade establecidas para o San Xoán


Todas aquelas persoas que vaian realizar unha fogueira a noite de San Xoán, tanto nas praias coma noutros lugares, deben solicitar previamente autorización ao Concello. É posible presentar a solicitude presencialmente nas oficinas xerais da Casa do Concello ou telematicamente a través da Sede electrónica (https://sede.oleiros.org/sta/CarpetaPublic/doEvent?APP_CODE=STA&PAGE_CODE=CATALOGO&DETALLE=6269007487610800305301).

Para evitar danos persoais e materiais, o Concello lembra a importancia de cumprir as normas establecidas.

– As persoas solicitantes atenderán as indicacións e requirimentos da Policía Local, Garda Civil e do Servizo de Emerxencias e Protección Civil, que poderán supervisar o lugar da fogueira previamente á súa celebración ou ben mentres esta teña lugar.

– As persoas solicitantes deberán coidar os arredores da fogueira e coñecer o número de emerxencias 112. Previamente ao inicio da fogueira comprobaranse as medidas de prevención axeitadas (mangueira, depósito de auga, extintores,…).

– O desenvolvemento das fogueiras deberá axustarse ao permiso concedido, ás ordenanzas municipais e á lexislación vixente.

– O volume máximo das fogueiras será o seguinte:
En zonas urbanas, o volume da fogueira non excederá os 5 metros de perímetro, nin un metro de altura e separarase dos edificios, árbores e mobiliario público o suficiente para non causar danos.
En zonas rurais, o volume da fogueira non excederá os 3 metros de perímetro nin os 3 metros de altura e separarase das edificacións, árbores e mobiliario público o suficiente para non causar danos. Previamente ao seu inicio, farase una limpeza mediante a eliminación da totalidade do material combustible nunha franxa de polo menos 5 metros, rodeando o perímetro da fogueira.

– Porase especial coidado de non situalas debaixo dos tendidos eléctricos, telefónicos ou outros, nin tampouco se fará preto de locais onde existan produtos inflamables.

– Non se poderán queimar plásticos, gomas ou calquera outra substancia que ao arder desprenda fume tóxico. En ningún caso se botarán ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión, aínda que estes estean baleiros.

– No caso de que unha fogueira se faga sobre terreos de uso público, os responsables encargaranse de que o lugar sexa o axeitado e nunca se poderá facer directamente sobre zonas pavimentadas nin axardinadas.

– Ao finalizar a fogueira e antes de abandonar o lugar, as persoas responsables encargaranse de que a fogueira quede completamente apagada. Será obrigatorio limpar o espazo da fogueira ao rematar a actividade, deixando o espazo na súa situación previa ao inicio da fogueira, depositando o lixo nos contedores correspondentes. O solicitante e os participantes serán responsables solidariamente da limpeza e reparación dos danos que se causen.

– Nos espazos públicos, e en especial nas praias, as fogueiras colocaranse en liña, afastadas do mobiliario e, en ningún caso se permitirá acceder a eles con ningún tipo de mobiliario (cadeiras, sofás, etc.).

– Nas praias soamente se permitirá facer as fogueiras coa madeira facilitada polo Concello de Oleiros que estará disposta nos accesos das praias nas que se permite facer fogueiras.

– As únicas praias permitidas para facer fogueiras son: Santa Cristina, Bastiagueiro, Santa Cruz e Mera. No resto de praias e calas non estará permitido facer fogueiras para facilitar o servizo de limpeza. En calquera caso, nas praias, as fogueiras non se poderán instalar antes das 20:00 horas e rematarán, todo máis tardar, ás 4:00 horas.

– Nas praias non se poderá acceder con envases de vidro.

SOLICITUDE: https://sede.oleiros.org/sta/CarpetaPublic/doEvent?APP_CODE=STA&PAGE_CODE=CATALOGO&DETALLE=6269007487610800305301