Gonzalo Castro: “Moito antes de que se falase da relación do audiovisual coas tecnoloxías, `Mundos Digitales´ foi capaz de ver as capacidades da nosa cidade e situarnos como referente”
O Centro de Estudos Avanzados da Cidade das TIC acolleu esta mañá a presentación da nova edición do Congreso Internacional de Animación, Efectos Visuais e Novos Medios ‘Mundos Digitales’, que posicionará A Coruña como capital mundial da animación e os efectos visuais entre o 4 e o 6 de xullo.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, interveu na presentación e destacou a traxectoria do evento como precursor da consolidación da Coruña como líder tecnolóxico: “Moito antes de que se falase da relación do audiovisual coas tecnoloxías, e moito antes de que se falase da intelixencia artificial, `Mundos Digitales´ foi capaz de ver as capacidades da nosa cidade e situarnos como referente”.
Sinalou a posta en marcha da Cidade das TIC como exemplo dese liderado e da aposta polo fomento de sinerxías entre o académico e a empresa en materia de innovación. Tamén destacou a importancia da colaboración entre administracións para seguir avanzando nesa liña. “Proxectos desta envergadura poden saír adiante grazas á colaboración entre institucións e o Concello da Coruña sempre formará parte dos proxectos estratéxicos para a cidade” engadiu. Na rolda de presentación tamén interviñeron Manuel Meijide, director de Mundos Digitales; Moisés Canle, vicerreitor de Titulacións e Internacionalización da UDC; Jacobo Sutil, director de AGADIC; e Rosa Ana García, deputada de Emprego da Deputación da Coruña..
O congreso, nado hai máis de dúas décadas na Coruña, terá a súa sede en Palexco e contará de novo cunha importante Feira de Emprego, a máis grande de Europa, que servirá de punto de encontro entre os novos talentos e as empresas máis punteiras do sector no panorama mundial.
Como en edicións anteriores, “Mundos Digitales” busca dar cabida a numerosos ámbitos da creación dixital de animación, efectos visuais ou videoxogos, con numerosas presentacións en exclusiva.
Este ano incorporará, de forma destacada, e ademais da Intelixencia Artificial, a chegada das Producións Virtuais en tempo real para producións Broadcast, que cambiará por completo a forma de crear contidos, e que supón a integración entre personaxes reais e virtuais en rodaxe. Tamén escenarios tridimensionais e personaxes virtuais 4D nos que converxerá a imaxe real e virtual como unha única contorna, e todo iso, en tempo real.
A cita, ademais do Festival Internacional de Curtametraxes de Animación, contará coa súa tradicional Feira de Emprego, outro dos pratos fortes de “Mundos Digitales”, unha actividade que se afianzou como unha das máis relevantes do congreso, e que desde hai 2 anos se converteu na feira de emprego máis grande de Europa por número de empresas participantes.
Programación desta nova edición
A Coruña converterase na capital europea da creación dixital, e contará con algúns dos profesionais máis prestixiosos do sector internacional, entre os que destaca o noso flamante Premio Especial, o vicepresidente de Lucas Films, Rob Bredow, a maior personalidade no sector dos efectos visuais e produción virtual e responsable do deseño e creación dos xa famosos “Estudios Mandalorian”, e que a nosa cidade contará proximamente co máis avanzado e completo estudio de produción virtual do país.
Outra das grandes personalidades que estarán presentes nesta nova edición do congreso é Bill Polson, director de tecnoloxía de Technicolor Group, un dos grandes grupos internacionais de creación de contidos, no que se inclúen, entre outros, os estudios MPC ou Mikros Animation.
Coa Produción Virtual como eixe central dos contidos nesta edición, supervisores, directores e responsables dos principais estudios nacionais e internacionais, compartirán experiencias, proxectos e coñecementos a través de numerosas presentacións, masterclass e encontros sectoriais reducidos, nos que se abordarán todos os aspectos tecnolóxicos e de desenvolvemento desta nova forma de rodaxe.
A Intelixencia Artificial terá tamén un lugar destacado, contando con relatores como Jesús Serrano, Principal Program Manager de Microsoft, que explicará como a IA pode axudar os artistas a fomentar a súa creatividade. Tamén coa presentación en primicia para “Mundos Digitales” de AI Assemble, unha iniciativa de agrupación de empresas, laboratorios, profesionais e institucións vinculadas á investigación, desenvolvemento e implementación da Intelixencia Artificial en contextos de alta especialización científica, para o deseño e divulgación dunha estratexia sobre a aplicación da IA desde diversas perspectivas destacando o contexto das industrias creativas dixitais.
A animación e os efectos visuais seguirán moi presentes nesta nova edición, e contaremos con presentacións de proxectos como “Indiana Jones y el dial del destino”, da compañía de referencia de efectos visuais a nivel mundial como é Industrial Light & Magic, “La Sociedad da la nieve”, a superprodución de Netflix que bateu todos os récords de reprodución na súa plataforma a nivel mundial, ou “Robot Dreams”, película de animación finalista dos Oscars deste ano, e cuxa produción é integramente española.
Ademais, e como xa vén sendo tradición, cada ano “Mundos Digitales” vincúlase cunha destacada produción que acompañará o evento como imaxe do mesmo. Nesta ocasión, será “El fantasma de la Quinta” unha coprodución de Illusorium Films e Martirio Films.
Trátase dun proxecto que narra os últimos momentos do xenio Francisco de Goya, cando decide retirarse a vivir os seus últimos anos afastado da corte. Ao caer enfermo na súa nova casa, Goya é perseguido polas pantasmas do seu pasado. Castigado pola súa presenza e nun decadente estado de saúde, Goya pinta as pinturas negras como último recurso para desfacerse dos demos que conviven con el, pagando para iso o prezo da súa cordura e, case, o da súa vida.
Inspirados polo terror gótico de Poe e o cinema de terror do autor de “A24”, esta produción dirixida por James A. Castillo contará coa participación de Maribel Verdú poñendo a súa voz á Quinta del Sordo, e Nico Casal, pianista e compositor galego para a Composición Musical.