Máis dun cento de veciños e veciñas disfrutaron esta mañá da tradicional festa de entroido dos meniños da gardería municipal de Brión, que este ano tivo como peculiaridade que os 85 cativos e cativas desfilaron con traxes feitos con materiais reciclables e que foron elaborados durante a pasada semana polos seus propios pais e nais. O tempo acompañou, polo que o desfile dos corenta meniños menores de dous anos tivo lugar no patio interior mentres que os maiores de dous anos saíron desfilar polo aparcamento da gardería, convintemente sinalizado pola Policía Local e Protección Civil.
A temática deste ano foron os animais, de xeito que cada unha das clases ía disfrazado de pitiños, dálmatas, mariquitas, abellas e formigas. Cada clase fixo o seu desfile diante dos seus pais, nais, avós… dando sempre un par de voltas: a primeira acompañados polos seus profesores e a segunda case sempre acompañados polos seus parentes, pois sobre todo os máis pequenos “rompían coa disciplina” e tiraban cara os seus familiares. Un divertido desfile que contou coa asistencia do alcalde, José Luís García, e a concelleira de Ensino, Iolanda Bouzas.
Programa de Entroido
Como todos os anos, este desfile de Entroido da gardería municipal abre o programa de festexos de Entroido en Brión. Mañá venres 5 de febreiro, ás 18:00 horas, o alumnado da Escola Municipal de Música Magariños ofrecerá o seu tradicional Concerto de Entroido, que este ano chega á súa quinta edición. Será no centro social polivalente, con entrada libre e de balde.
Para o próximo domingo 14 de febreiro queda o gran Concurso de Disfraces de Entroido do Concello de Brión que, un ano máis, será o encargado de pechar as celebracións na contorna. As inscricións estarán abertas ata o próximo venres 12 de febreiro na Casa da Cultura de Brión ou no teléfono 981 509 908. Non se aceptarán anotacións o mesmo día do concurso.